Congreso

BNG exixe unha solución para as pensións dos mariñeiros galegos que traballaron en Noruega

Encontro Long Hope

Os nacionalistas instaron o Goberno español a retomar as relacións diplomáticas con Noruega para dar solución aos mariñeiros que non perciben ningún tipo de pensión a pesar de teren traballado en buques noruegueses e ter pagado alí os correspondentes impostos.

Néstor Rego criticou que, desde a súa constitución formal, o Goberno español non mantivese ningún encontro coa asociación Long Hope para dar conta das actuacións diplomáticas co país nórdico.

O BNG instou o Goberno español a retomar as relacións diplomáticas con Noruega para dar solución á inxusta e dramática situación en que se encontran aquelas persoas (na súa gran maioría galegas) que non perciben ningún tipo de pensión do sistema de seguridade social do país nórdico, a pesar de ter traballado moitos anos en buques noruegueses e ter pagado alí os correspondentes impostos.

A asociación Long Hope, constituída para defender os dereitos dos traballadores e traballadoras que prestaron servizos nestes buques noruegueses antes de 1994, reuníronse a semana pasada co deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, para trasladar a drástica situación pola que están a pasar nestes momentos os mariñeiros afectados e as súas familias.

Rego rexistrou no Congreso unha iniciativa para instar o Goberno español a retomaren as relacións con Noruega e criticou que, desde a súa constitución formal, non mantivera ningún encontro coa asociación Long Hope para dar conta das actuacións diplomáticas con Noruega e intentar resolver extraxudicialmente as graves consecuencias derivadas da falta de protección daquelas persoas que sufriron unha exclusión do sistema de seguridade social deste país.

Neste sentido, o deputado nacionalista aproveitou para  solicitar á Ministra de Exteriores que aproveite a sesión de Delegadas e Delegados de Ministras e Ministros do Consello de Europa que se vai a realizar mañá 29 setembro e pasadomañá 1 de outubro de 2020, para reunirse co seu homólogo noruegués e buscar unha solución á inxustiza social que comete Noruega cos mariñeiros galegos.