congreso

BNG exixe a Ribera retirar os POEM, durante a comparecencia no Congreso, para salvar a actividade pesqueira e os ecosistemas

Néstor Rego

Néstor Rego: “Todos estes proxectos non están dimensionados para as necesidades da Galiza, senón que nalgún sitio se decidiu que a Galiza debe converterse en ‘zona de sacrificio’ e na pila eléctrica do Estado español”

“O PSOE galego ten que saír á tribuna do Congreso a defender os intereses do oligopolio eléctrico frente aos intereses do sector pesqueiro galego dicindo que non existe ningún problema” denuncia

Néstor Rego exixe á Vicepresidenta Terceira e Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfica, Teresa Ribera, que atendan ao clamor do sector pesqueiro da Galiza e retiren os Plans de Ordenación do Espazo Mariño. Durante a comparecencia no pleno do Congreso, solicitada polo BNG, a frente nacionalista reafirma a súa posición na defensa da frota pesqueira galega, o marisqueo e a defensa da biodiversidade frente a un Goberno do Estado que, até o de agora, só se puxo do lado das grandes empresas do sector eléctrico. Así mesmo, o BNG defende colocar o sector eléctrico, por ser un sector estratéxico, baixo control público e poñelo ao servizo do desenvolvemento social e económico, da maioría social a través dun modelo baseado na produción a menor escala, para reducir os impactos e máis próxima aos centros de consumo.

“Como dicía Castelao, estamos fartos de ser unha colonia. Fartos de que se sacrifiquen os intereses das clases populares galegas en beneficio da oligarquía española. Estamos a falar de sacrificar o sector pesqueiro e marisqueiro galego, que dá traballo a millares de persoas en toda a costa, máis se consideramos o complexo mar-industria, e o sector agrario e gandeiro” sinala o deputado. Néstor Rego diríxese á Ministra ante a aprobación dos POEM “que dan vía libre á implantación de parques de eólica mariña con graves consecuencias que tería para os ecosistemas mariños e para caladoiros importantes da nosa frota”.

Unha aprobación, continúa o deputado nacionalista, que, alén de contar co rexeitamento do sector pesqueiro e os activistas medioambientais -así como do BNG-, non conta cos informes e estudos científicos suficientes e incontestábeis tanto desde o punto de vista do impacto ambiental como do socioeconómico: “o lóxico é non autorizar ningunha instalación até que isto estea suficientemente claro e estudado. O propio Ministerio recoñece, nunha resposta a unha iniciativa do BNG, a falta de datos definitivos sobre os posíbeis impactos”.

“Vostedes recoñecen que non existe aínda o coñecemento suficiente sobre as posíbeis afeccións da eólica mariña e anuncian que seguirán estudando despois de implantala. Isto, ademais de ser absolutamente irresponsábel, é un indicador de que a este Goberno e ao seu Ministerio non lles interesa para nada o sector pesqueiro galego nin os nosos ecosistemas mariños” denuncia Néstor Rego.

“E, por se fose pouco, fixan na Galiza, cun arco de costa que representa aproximadamente 15% do total do Estado, 47.5% da superficie cualificada para a eólica mariña e concentra xa practicamente 50% da potencia que se está tramitando no Estado español, con 9 proxectos que superan os 4600 Mw” engade.

Así mesmo, o deputado do BNG sinala que a aprobación destes POEM vén a ser “a gota que colma o vaso dun boom eólico depredador que afecta á Galiza e que vostedes impulsan e incentivan, eliminando os controis ambientais e mesmo a participación cidadá para maior beneficio das grandes empresas do oligopolio eléctrico”. Un boom eólico, continúa Rego, con máis de 300 parques e mega parques en tramitación ou en fase de aprobación que ameazan con arrasar zonas de alto valor ambiental, terras agrícolas e gandeiras e un inmenso e rico patrimonio histórico e popular que será xa irrecuperábel.

Un País produtor excedentario de enerxía

Segundo os datos oficiais da Rede Eléctrica de España, en 2021 Galiza xerou un total de 24.205 GWh: 74,3% (é dicir, 17.974 GWh) producíronse a partir de fontes de orixe renovábel. A demanda interna na Galiza, ese mesmo ano, alcanzou os 17.421 GWh, enviando fóra do País case 7000 MW. “Madrid consome 27 000 Gwh e produce con renovábeis menos de 500 (1,8%). Mais claro, pagan a electricidade producida na Galiza ao mesmo prezo ca nós, sen ningún custo social e ambiental e, ademais, cos beneficios e os impostos que pagan as empresas que operan no noso país pero teñen a sede fiscal en Madrid” recrimina Rego.

“Sabemos que a demanda de enerxía eléctrica vai aumentar á medida en que avance o proceso de transición, mais é evidente que todos estes proxectos non están dimensionados para as necesidade da Galiza, senón que nalgún sitio se decidiu que a Galiza debe converterse na ‘zona de sacrificio’ e na pila eléctrico do Estado español, sen reparar nas consecuencias negativas que iso implique” apunta Rego.

Un modelo a menor escala e baixo control público

“Debemos ir a outro modelo de xeración, radicalmente diferente, na liña da chamada xeración distribuída. Un modelo baseado na produción a menor escala, para reducir os impactos e máis próxima aos centros de consumo, para evitar as grandes liñas de transporte, insostíbeis do punto de vista ambiental co impacto negativo que teñen e a perda de enerxía que se produce; impulsar as comunidades enerxéticas cidadás, favorecer de verdade a autoproducción e o autoconsumo” propón o deputado durante a comparecencia.

Mais, pola contra, este modelo que defende o BNG choca cos intereses do oligopolio eléctrico, apoiado polo Goberno do Estado. “Queremos colocar o sector eléctrico, por ser un sector estratéxico, baixo control público para poñelo ao servizo do desenvolvemento social e económico da maioría social” reitera. Cambiar a regulación, eliminar o mercado marxinalista, crear empresas públicas e favorecer tarifas específicas para os territorios produtores excedentarios como Galiza, para posibilitar unha Tarifa Eléctrica Galega: enumera Rego.

Experiencias previas que remataron coa pesca

A pesar de que non existe aínda información nin estudos sobre o impacto medioambiental e socioeconómico mais si que existen experiencias previas como o acontecido no parque de Viana do Castelo, con só tres aeroxeradores. “A implantación destas tres infraestruturas supuxo a desaparición da pesca en toda a zona, porque moitas especies como a maragota son especialmente sensíbeis aos ruídos e vibracións que provocan. Non só desaparece o modo de vida de moita xente, tamén afecta os ecosistemas mariños, porque, Que biodiversidade pode haber se desaparecen as especies animais das zonas afectadas?” alega

Por pór un exemplo galego, o proxecto para o parque volanteiro, só uns quilómetros máis arriba de Viana do Castelo, “non son 3 aeroxeradores, senón 34, ademais cunha liña de evacuación eléctrica que ocupará boa parte do interior da ría de Vigo, onde ten lugar unha intensa actividade acuícola e marisqueira, e que discorre en zonas   de especial protección ambiental, como é o caso da Zona de Especial Conservación (ZEC) das Illas Cíes e da ZEC das Illas Estelas”. De facto, a ZEC das illas Cíes está tipificada tamén como Parque Nacional e como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA). Ademais, esta liña de evacuación marítima afecta á súa vez á ZEPA das Rías Baixas. Afecta ademais as zonas de hábitat mariño de interese comunitario (HIC).