BNG exixe “responsabilidades, claridade e transparencia” frente ao ocultismo sobre o colapso do viaduto da A-6
Néstor Rego sinala que informacións apuntan a un “aforro de materiais” e erros cometidos no proceso construtivo e lembra que as adxudicatarias (FCC e ACS) fórono sendo presidente Aznar e apareceron nos papeis de Bárcenas como “doadoras” ilegais ao Partido Popular
O deputado cualifica como insuficiente o anuncio de Sánchez de baixada do IVE a 5% na factura da luz “se non vai acompañada doutro tipo de medidas” como un imposto aos beneficios das enerxéticas, unha nova regulación do mercado eléctrico ou a creación de empresas públicas
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanza o rexistro de novas iniciativas para que sexa coñecida toda a información sobre o acontecido no viaduto da A-6. Solicita unha auditoría completa das infraestruturas similares, de viadutos e túneles, e reclama total transparencia por parte do MITMA ante informacións que apuntan a un “aforro de materiais” e erros cometidos no proceso construtivo desta infraestrutura que só ten 20 anos de antigüidade e leva xa 10 en reparación. A organización nacionalista sinala a relación directa existente entre a corrupción do Partido Popular e as empresas construtoras que resultaron adxudicatarias sendo presidente José María Aznar e Ministro de Fomento Rafael Arias Salgado. Aliás, salienta o oscurantismo do Ministerio e o desinterese da ministra, que tardou 10 días en visitar o lugar.
O BNG leva de novo ao Congreso o derrubamento do viaduto do Castroda autovía A-6 para reclamar luz e taquígrafos sobre as posíbeis causas do colapso dunha infraestrutura de recente construción -20 anos-, caso sen precedentes no Estado español e que, a pesar diso, está sendo tratado cun alto grao de desinterese por parte do Ministerio de Transportes “a pesar de que afecta unha vía de comunicación fundamental para a Galiza e millares de usuarios e usuarias cada día”.
“A Ministra tardou dez días en visitar a infraestrutura. Pregúntome canto tardaría se o mesmo suceso tivese acontecido noutro territorio. Se fose na Comunidade de Madrid tardaría dez días ou faríao o mesmo día ou o día seguinte?” pregunta de maneira retórica o deputado nacionalista. Rego lembra que o BNG rexistrou iniciativas xusto despois de producirse o derrubamento e mesmo solicitou a comparecencia da Ministra no Congreso para coñecer toda a verdade do acontecido.
Con todo, o deputado anuncia o rexistro de novas iniciativas na cámara baixa para reclamar total transparencia ante explicacións incoherentes por parte das autoridades responsábeis e aínda de novas informacións que os medios de comunicación foron revelando ao longo dos días.
“A primeira información difundida pola Administración era que se apreciara corrosión nos cables metálicos mais o Ministerio tamén informa que os cables xa foran mudados” destaca o deputado, “polo que esa non debeu ser a causa do colapso” Rego sinala que existe un informe de 2003 que alertaba na altura de que en determinados tramos -tamén no que colapsou- se optara por levar ao limite as posibilidades de prefabricación obtendo estruturas moi esveltas e cun importante aforro de material e, polo tanto, cun importante aforro económico.
En palabras do deputado do BNG, as empresas construtoras -FCC e ACS- puideron procurar levar tamén ao límite o maior aforro na execución da obra. “Desde o primeiro momento houbo un claro interese en ocultar quen foran as empresas construtoras e, agora, todo apunta a que houbo erros no proceso construtivo e, por tanto, responsabilidade directa das empresas construtoras” recrimina. De feito, lembra que as primeiras denuncias xa se produciran durante as obras da infraestrutura: “En 2001, o BNG de Becerreá cualificaba de “chapuza” a construción destas obras, de facto, o portavoz municipal do BNG no Concello, Antón Bao foi detido pola Policía por se encadear ás máquinas escavadoras para paralizar a construción dunha autovía que non se estaba a realizar nas mellores condicións”.
Relación directa das empresas construtoras coa corrupción
Para o deputado do BNG existe unha relación directa entre as empresas construtoras desta infraestrutura e a corrupción do Partido Popular. Cabe lembrar que a adxudicación destas obras foi realizada por un Goberno do Estado presidido por Aznar e sendo Ministro de Fomento Arias Salgado. “Segundo as informacións que Modesto Fernández facilitou durante o proceso de investigación a Luís Bárcenas, foron entregadas cantidades ao Partido Popular por parte de FCC, 108 mil euros, e tamén por parte de ACS, 60 mil euros” destaca Rego.
Néstor Rego salienta que non se pode aceptar con normalidade que colapse unha infraestrutura nova, con só 20 anos desde a súa construción -e que, por acaso levaba mais desde hai 10 anos con reparacións- “polo que é preciso investigar as causas, as responsabilidades e dar unha inromación completa ao conxunto da cidadanía”.
“Insuficiente” o anuncio da baixada do IVE a 5% na factura da luz
Durante a sesión de control, o Presidente do Goberno avanzaba como nova medida que aplicará o executivo a baixada do IVE na factura da luz a 5%. A organización nacionalista entende que “é unha medida insuficiente e que chega tarde”. Rego lembrou que o BNG leva anos e, con insistencia nos últimos meses en relación coa suba de prezos, demandando a baixada do IVE da luz a 4% por ser un ben esencial. Iso si, sempre defendendo que esa medida debe ir á par doutras que garantan que non se perden ingresos e unha fiscalidade máis xusta.
“É unha medida insuficiente se non ven acompañada dun imposto aos beneficios extraordinarios das eléctricas, que fan negocio con bens públicos como a auga ou o vento. Ou con medidas como unha modificación global da regulación do sistema eléctrico para rematar cos beneficios chovidos do ceo” enumera o deputado, incidindo na necesidade de eliminar o mercado marxinalista e pasar ao pagamento polos custos de produción.
Lembrando a proposta do BNG dunha empresa pública galega de enerxía e dunha Tarifa Eléctrica Galega, Rego insistiu en que hai que camiñar “na creación de empresas públicas que dean marxe ás administracións para actuar no mercado eléctrico. Parécenos que é positivo que o Goberno do Estado escoite e execute as propostas do BNG mais se non se anuncian outro tipos de medidas, serán insuficientes” conclúe.