Congreso

BNG exixe a reposición dos servizos suprimidos da liña dos camiños de ferro Ferrol-Ribadeo

Néstor Rego

Néstor Rego salientou que se trata dunha redución de servizos de 75% en relación aos existentes antes do Estado de alarma, que deixa o tramo Ferrol-Ribadeo con un único tren diario en cada sentido.

O BNG denuncia que esta situación supón graves problemas de mobilidade e mesmo de illamento para a poboación das comarcas afectadas, ademais de incidir negativamente tamén no ámbito económico de toda a zona.

O deputado Néstor Rego acaba de rexistrar unha iniciativa no Congreso a respecto do progresivo deterioramento da infraestrutura e servizos da liña de proximidade ferroviaria Ferrol-Ribadeo. “Trátase dunha redución de servizos de 75%, que parte da restrición de movementos durante o estado de alarma, mais que continúa a día de hoxe e que deixa o tramo Ferrol-Ribadeo con un único tren diario en cada sentido” sinalou o deputado do BNG. Rego salientou que antes operaban catro saídas en cada sentido diariamente e que se están a reducir tamén as frecuencias das proximidades entre Ferrol e Ortigueira a catro en lugar das oito existentes anteriormente.

O BNG denuncia que esta situación supón graves problemas de mobilidade e mesmo de illamento para a poboación das comarcas afectadas, ademais de incidir negativamente tamén no ámbito económico de toda a zona.

Rego defende abordar no seo da comisión creada entre o Ministerio, Renfe e a Xunta de Galiza a crítica situación desta infraestrutura de comunicación e dos servizos deficientes que se están a prestar, de forma que se coloquen sobre a mesa medidas concretas que resolvan as deficiencias estruturais na liña Ferrol-Ribadeo e, dun modo concreto e urxente, a reposición dos servizos suprimidos desde o comezo da pandemia da COVID-19.

O BNG defende tamén a transferencia da totalidade dos servizos ferroviarios á Galiza para garantir así unha xestión máis próxima e adecuada, que garanta en todo momento a mobilidade de viaxeiros e mercadorías nas comarcas por que discorre.