BNG exixe repor o paso peonil na estación de Santo Estevo de Sil, en Pantón, e rematar co illamento da veciñanza
Néstor Rego demanda rectificar e cumprir o protocolo de evacuación estabelecido: “supón a supresión da única vía de escape para varios veciñas e veciños”
O BNG denuncia a decisión de Adif de eliminar o único paso que tiña a veciñanza para ir dunha marxe á outra da vía férrea: “non é admisíbel que non existan alternativas”
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que ADIF rectifique a decisión de suprimir o paso peonil na estación de Santo Estevo de Sil, no Concello de Pantón, por constituír a única vía de evacuación, no caso da activación do protocolo do encoro, para veciñas e veciños, así como a única forma de pasar dun lado a outro da vía. A organización nacionalista exixe diálogo coa veciñanza para acordar a solución máis adecuada, recuperando o acceso a través dun paso peonil, soterrado ou elevado de non ser posíbel o paso a nivel, e desbotando a construción do fechamento metálico sobre o muro de formigón.
As actuacións de mellora da liña ferroviaria Lugo-Monforte de Lemos-Ourense trouxo consigo a eliminación do paso existente a carón do apeadeiro de Santo Estevo de Sil, no municipio de Pantón.
Esta vía supón a única alternativa viábel para a veciñanza que, de non rectificar esta decisión de eliminar o paso peonil, suporá o illamento de veciñas e veciñas, así como maior dificultade para a veciñanza que posúe fincas e terreos ao outro lado da vía férrea. Así mesmo, é a única vía contemplada no protocolo de evacuación aprobado no caso de colapsar o encoro de Santo Estevo.
A esta supresión, denuncia Rego, engádense os plans de Adif de levantar o fechamento metálico sobre un muro de formigón entre as casas e a vía: “isto illará aínda máis os habitantes do lugar” evidencia o deputado do BNG.
“A entidade ferroviaria debe sentarse coa veciñanza afectada e acordar unha solución adecuada e repor o acceso tal e como estaba, a nivel, ou que, de non ser posíbel, se dispoña dun paso peonil soterrado ou elevado para que poidan atravesar a vía férrea dun lado ao outro. Non é admisíbel que non existan alternativas e se elimine un servizo e se deixe abandonados aos veciños e veciñas” demanda Néstor Rego.
É preciso lembrar, recorda o deputado do BNG, que a veciñanza da zona xa tivo que litigar hai uns anos para que se construíse o actual paso peonil, porén o acceso desapareceu agora coas obras. A veciñanza quéixase de que desde o inicio das obras comezaron os problemas, eliminando por unha banda o paso e, por outra, construíndo a base de formigón para levantar a tela metálica diante das casas.