BNG exixe a rectificación do Goberno do Estado polo masacre de Melilla

Néstor Rego e Goretti Sanmartín

Néstor Rego e a Portavoz Municipal, Goretti Sanmartín, participan na concentración convocada en Santiago de Compostela contra a posición e as declaracións de Sánchez ante o acontecido no valado entre o Melilla e Marrocos

O deputado nacionalista denuncia a actuación das FCSE por ter permitido a entrada da xendarmería marroquí en territorio de Melilla e os parabéns á actuación policial que non só deixou morrer e agonizar durante horas moitas persoas senón que mesmo as lapidou

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acode á concentración convocada na Praza Cervantes de Santiago de Compostela, nun acto en que tamén participou a Portavoz Municipal, Goretti Sanmartín, para mostrar a oposición da organización nacionalista sobre o acontecido na fronteira entre Nador e Melilla e a vulneración de Dereitos Humanos levada a cabo polas autoridades de ambos os estados. Rego demanda ao Goberno do Estado rectificar a súa posición e as declaracións realizadas por varios ministros e polo Presidente do executivo, así como realizar unha investigación independente sobre o acontecido no valado.

En toda a Galiza convocáronse mobilizacións para esta sexta feira e o deputado do BNG no Congreso participa na realizada na cidade de Compostela para manifestar a oposición da organización nacionalista co acontecido a finais da semana pasada no valado entre Nador e Melilla. Este suceso deixou, polo menos, 37 mortos e centos de feridos e, segundo os datos achegados pola organización Amnistía Internacional, foron violados até oito dereitos humanos.

Santiago de Compostela

Esta brutal actuación da Policía marroquina -coa pasividade cómplice das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado español- mereceu o eloxio do Presidente do Goberno, felicitando a xendarmería da ditadura marroquí por un traballo “ben resolto”. “Estas declaracións de Pedro Sánchez son indignas e, mesmo, merecentes de pasar á historia da infamia” denunciou o deputado do BNG no Congreso sinalando que non están moi lonxe das que podería ter feito o Partido Popular “ou mesmo a ultradereita”.

“É unha auténtica vergoña, non só o acontecido senón tamén a posición do Goberno do Estado español” subliña Rego. Á vez, o deputado do BNG recrimina que a xendarmaría “non só deixou morrer e agonizar durante horas a moitas persoas senón que mesmo as lapidou”.

Vigo

Néstor Rego cualifica de “enormemente grave” que o Goberno do Estado permitise a entrada de xendarmes marroquís no territorio de Melilla para “golpear, deter e devolver en quente a Marrocos persoas que xa pasaran o valado”. O deputado nacionalista considera “incualificábel este feito”, diante da pasividade e permisividade da Garda Civil española.

De facto, Rego lembrou que a comezos de semana, o BNG, xunto con outras forzas políticas con representación no Congreso, presentou a solicitude de comparecencia do Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o Ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, para que dean explicacións sobre o acontecido no valado entre Nador e Melilla. “Tamén demandamos unha investigación independente, así como unha rectificación por parte do Goberno. Xa non só pola posición mantida até o de agora, senón polas numerosas e vergoñentas declaracións realizadas por varios membros do executivo” destaca o deputado.