BNG exixe realizara á maior brevidade posible a avaliación de impacto ambiental do Porto Mixto de Corcubión
O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Óscar Insua, presentou na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo unha Proposición Non de Lei para realizar o trámite de avaliación de impacto ambiental á maior brevidade posible, así como os trámites necesarios e incluír nos orzamentos do vindeiro ano unha partida con dotación suficiente para licitar e iniciar a execución das obras do Porto Mixto de Corcubión no ano 2025.
O pobo de Corcubión leva reclamando “hai máis de 30 anos a construción de instalacións portuarias para a flota deportiva e pesqueira”, co fin de ordenar os amarres na enseada da ría e de dotar de maior seguridade ás embarcacións. Óscar Insua denunciou que cada inverno “van ás pedras uns dous ou tres embarcacións” e esta obra, ademais, fomentaría o turismo náutico na única ría atlántica que por si mesma ten unha morfoloxía de porto de abrigo natural.
“Esta demanda histórica nunca foi atendida, a pesar das promesas reiterativas que vimos escoitando hai xa anos dende a consellería, polo que hai que rematar con esta burla, con esta farsa, con esta tomadura de pelo do Partido Popular” denunciou o deputado. Esta infraestrutura é demandada por todos os axentes institucionais, empresarias e sociais da vila, comezando polo concello, pola propia Confraría de Pescadores, polo club marítimo Carrumeiro, ou pola “plataforma portos si, mortos non”, mais no orzamento da Xunta para este ano 2024 a partida foi ridícula e o goberno da Xunta non prevee dotar ningunha partida para levar a cabo este proxecto nos vindeiros orzamentos de 2025.
Óscar Insua salientou que o informe de impacto ambiental conclúe que “é necesario que o proxecto de Portos de Galiza se someta a avaliación ambiental ordinaria”, polo que volven a adiarse os prazos para que o porto mixto en Corcubión sexa unha realidade por iso “é necesario axilizar e apurar os prazos, porque os efectos adversos significativos xa están identificados no Informe de Impacto ambiental publicado en marzo”. “Chama a atención que o informe emitido pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro”, ente da propia Consellería que impulsa o proxecto, “non informara a Portos de Galiza sobre os recursos marisqueiros e acuícolas que se podían ver afectados á hora de redactar o documento de inicio ambiental e ter xa deseñadas as medidas correctoras e protectoras sen esperar a ter que facelo nun novo trámite ou ter que modificar o proxecto” concluíu, “parece que non é casual e isto só sirva para demorar mais o proxecto. É unha estafa á Corcubión que hoxe o PP diga que é imposible comezalo para 2025 despois de levar 15 anos prometéndoo e gobernando a Xunta”
A iniciativa presentada polo BNG sobre o porto mixto de Corcubión, non saíu adiante, votando o PP en contra de incluír unha partida nos orzamentos de 2025 para a súa licitación, “ o PP non ten nin un pinga de vergoña de mandar hoxe ao conselleiro do mar a Corcubión a repartir cría de ameixa, para tapar mediaticamente a aldraxe de votar en contra no parlamento do porto mixto de Corcubión. Unha nova tomadura de pelo que todo o mundo debe saber” manifestou o deputado Óscar Insua.