parlamento galego

BNG exixe que a Xunta actúe con urxencia na catástrofe agraria producida polo temporal Kirk

Mazaricos

O deputado Secundino Fernández anunciou que levará ao Parlamento unha batería de propostas lexislativas para que o goberno da Xunta arbitre as axudas necesarias para o sector agrario

O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, trasladou a súa preocupación ante esta catástrofe que vai repercutir directamente na produción do leite nos vindeiros meses

Unha comitiva do BNG conformada polo deputado encargado da área do Medio Rural, Secundino Fernández, a deputada Rosana Pérez, o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, e outros representantes municipais nacionalistas visitaron esta mañá Mazaricos para ver os graves danos causados polo temporal Kirk ao sector agrario e escoitar de primeira man ás gandeiras e aos gandeiros que teñen afectada gran parte da colleita de millo. “Estas perdas fan perigar a viabilidade das explotacións das gandeiras e gandeiros neste concello, xa que o millo é o principal forraxe do gando leiteiro de Mazaricos” salientou Secundino Fernández.

O deputado nacionalista anunciou que na vindeira sesión plenaria, que se celebrará a semana que vén, “interpelaremos á conselleira do Medio Rural para demandar as axudas necesarias neste momento crucial e grave para a gandaría”. O BNG exixe que a Xunta de Galiza ten que actuar con urxencia do impacto da catástrofe agraria. “Non pode deixar só aos gandeiros e as gandeiras” salientou Fernández.

O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, salientou que a comarca do Xallas, e Mazaricos en particular, “somos o primeiro produtor de Galiza”. Só Mazaricos produciu o ano pasado máis de 140 millóns de litros de leite. Estamos falando dun sector que “é fundamental non só para a nosa economía local” sinalou Blanco, senón para o mantemento do rural galego e do tecido produtivo de todo o país. Mazaricos cultiva máis de 3.000 hectáreas de millo forraxeiro, o principal alimento das vacas.

Blanco trasladou a súa preocupación ante esta catástrofe que vai repercutir directamente na produción do leite nos vindeiros meses. “As nosas vacas precisan consumir uns 35 quilos de silo de millo ao día”. Sen este alimento, advertiu que os gandeiros van ter que mercar forraxe, nun momento no que os prezos do leite están á baixa e o custo de comprar alimentación está a subir.

O BNG solidarízase cos gandeiros e gandeiras de Mazaricos e anuncia que presentará no Parlamento galego “unha batería de propostas” lexislativas para que o goberno da Xunta arbitre axudas para este sector “crucial na economía do concello”.