BNG exixe a intervención do Ministerio de Traballo para garantir as indemnizacións en Alu Ibérica
Néstor Rego denuncia a decisión de FOGASA, organismo adscrito ao Ministerio de Traballo, de denegar o pago das indemnizacións dos antigos traballadores de Alu Ibérica nas plantas da Coruña e Avilés
Esta decisión é contraria aos dereitos e intereses das persoas traballadoras, que levan xa nove meses esperando o cobro da indemnización: “É hora de que o Ministerio actúe”
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe a intervención do Ministerio de Traballo para garantir o pago das indemnizacións dos antigos traballadores de Alu Ibérica –antiga Alcoa- ante a decisión de FOGASA de denegar este pagamento. A frente nacionalista denuncia o retraso de nove meses desde a extinción dos seus contratos sen aínda recibir a indemnización á que teñen dereito e lembra que o organismo autónomo adscrito ao Ministerio de Traballo ten como función garantir a percepción de salarios, así como das indemnizacións por despedimento ou extinción do contrato.
Os antigos traballadores de Alu Ibérica anunciaron unha demanda contra o Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) despois de que o organismo autónomo denegase as súas peticións de pago das indemnizacións que lles corresponden pola extinción dos contratos na empresa, actualmente en liquidación. O argumento empregado por FOGASA é a existencia dun acordo “ratificado e homologado” entre as persoas traballadoras e Alcoa para a mellora das súas indemnizacións.
“É dubidoso que este feito supoña a imposibilidade de que o Fondo de Garantía Salarial cumpra coa súa función e adiante a indemnización que corresponde, con independencia de frente a quen deba reclamala posteriormente ao subrogarse no dereito das e dos traballadores” explica o deputado do BNG. Neste sentido, Néstor Rego demanda a intervención do Ministerio de Traballo para lograr que FOGASA “cumpra coas súas funcións atendendo as reclamacións de pago das indemnizacións”.
Segundo sinala o deputado nacionalista, a interpretación que realiza FOGASA “é contraria aos dereitos e intereses das persoas traballadoras, que levan xa nove meses esperando a cobranza das súas indemnizacións por despedimento da extinción dos seus contratos”. Para a frente nacionalista, esta decisión de FOGASA non pode ser apoiada polo Ministerio de Traballo e debe levar a cabo todas as actuacións necesarias para que os e as traballadoras poidan percibir a indemnización por extinción de contrato.
“FOGASA é un organismo autónomo adscrito ao Ministerio de Traballo e ten a función de garantir ás persoas traballadoras a percepción dos salarios, mais tamén recibir as indemnizacións por despedimento ou extinción da relación laboral, pendentes de pago por mor de insolvencia ou procedemento concursal do empresario, exactamente a situación que atravesan as traballadoras e traballadores da Coruña e Avilés” afirma Rego.
Por este motivo, o deputado do BNG entende que o Ministerio de Traballo debe actuar de maneira inmediata para asegurar que os antigos traballadores e traballadoras de Alu Ibérica perciban as súas indemnizacións por despedimento. “Levan nove meses agardando. É hora de que o Ministerio actúe” conclúe Rego.