BNG exixe a intervención da Xunta para evitar as cláusulas abusivas da industria láctea cos produtores nos prezos do leite
BNG exixiu neste pleno parlamentario a intervención da Xunta para, por unha banda, evitar a mala praxe da industria láctea que inclúe cláusulas abusivas nos contratos cos produtores obrigándoos a asinar un recoñecemento de que o prezo ofrecido supera os custos de produción e, por outra, rematar coa fenda existente entre os prezos de Galiza e os do resto do Estado.
O portavoz parlamentario de Agricultura, Mini Rivas, advertiu de que estas prácticas son habituais por parte das empresas do sector e son realizadas “baixo a ameaza aos produtores de lles deixar de recolle-lo leite en caso de non asinar” e, no que cualificou como “o colmo do cinismo”, mesmo algunhas con “cláusulas de confidencialidade” para que non se poidan denunciar.
Rivas amosou ao conselleiro do Medio Rural a “pasividade” do seu departamento ante feitos “gravísimos”, “máis cando estas industrias son agasalladas periodicamente con subvencións millonarias” que en ocasións son por riba percibidas por “xeración de valor engadido, cando o que se fai é unicamente transformar o leite líquido en leite en pó”, criticou.
Neste sentido, propuxo o cálculo de custes de produción obxectivos para dúas ou tres modalidades de explotación que sirvan como guía para facer efectiva a lei da cadea alimentaria. “Necesitamos intención política e intervir e mediar neste constante conflito no que quen sae sempre perdendo é a ou o produtor”, recriminou ao titular de Medio Rural, para engadir a continuación que “a Mesa do Leite, figura consultiva onde o goberno podía, se quixese, facer presión e suscitar acordos”.
Así, asegurou que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) dispón de mecanismos de investigación que poden fixar custos de produción de xeito obxectivo que poderían servir de referencia para as negociacións onde a Administración galega “debera ser a arbitraxe necesaria que evitase este cúmulo de arbitrariedades que erosionan o sector”.
“Non pode o Goberno galego, na lexítima función de defensa dun sector produtivo esencial para a vida do noso rural, intervir cos medios de presión que ten ao seu alcance para arbitrar e mediar entre industria e produtores?”, cuestionou para concluír a súa intervención.