BNG exixe que se inclúan zonas de Viveiro no Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración
A formación nacionalista vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso reclamando ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a inclusión das zonas singulares da Galiza, como o caso do Concello de Viveiro na listaxe de zonas brancas e grises e a activación das actuacións naquelas xa incluídas. Alén do máis, o deputado do BNG no Congreso exixe que o Ministerio garanta a cobertura dixital do medio rural tendo en conta os fondos FEDER que a Unión Europea acaba de aprobar para lograr a conexión do total da poboación.
O BNG recolle as demandas da veciñanza do rural de Viveiro que carece de acceso a internet e exixe ao Goberno do Estado unha solución tecnolóxica para os núcleos do rural que aínda non teñen cobertura. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe ademais ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital que actualice o mapa das zonas brancas e grises.
“No Concello de Viveiro, por exemplo, existen preto de 50 núcleos rurais que non foron incluídos en ningún dos proxectos empresariais subvencionados polo Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración 2020” explica o deputado nacionalista. Moitas destas actuacións carecen de información suficiente sobre o plan de traballo e o tempo de realización das obras detalladas no proxecto aprobado polo Ministerio. “Queremos saber o motivo da exclusión destas zonas do Concello e cando incluirán o resto de núcleos de poboación na relación de zonas brancas nas próximas axudas para a extensión da banda larga que precisa a veciñanza de forma urxente” sinala Rego.
A xuízo do deputado do BNG, o Plan de Banda Larga Ultrarrápida “debe ter carácter universal e por tanto é preciso activar unha liña de subvencións para dotar do servizo de internet todos os núcleos de poboación rural que, a día de hoxe, non teñen conexión e que mesmo están illados e sen clasificar nas zonas brancas ou grises”. Por este motivo, a formación nacionalista exixe ao Ministerio que actualice o mapa de zonas de todos os concellos da Galiza e rectifique as que foron clasificadas erroneamente e non comunicadas por parte dalgunhas das administracións e incorpore as que aínda non se encontran clasificadas.
Alén do máis, o deputado nacionalista reclama que o Ministerio cumpra a súa función de velar “por lograr a cobertura dixital do medio rural en Viveiro e en toda a Galiza, tanto para o acceso á banda larga de internet como para unha boa cobertura de telefonía móbil, tendo en conta que os fondos FEDER acaban de ser aprobados pola Unión Europea para conseguir a conexión do total da poboación e garantindo o carácter universal do Plan”.