BNG exixe a gratuidade dos certificados de suficiencia para o persoal do mar
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe ao Goberno español, a través dunha Proposición Non de Lei, que os traballadores e traballadoras do mar reciban os cursos preceptivos para a renovación dos certificados de suficiencia de forma gratuíta a través da rede de centros de formación que o Instituto Social da Mariña ten por toda Galiza. Desta forma, evitaríase acudir a cursos ofertados por empresas privadas, “que suporían un sobrecusto engadido inasumíbel para moitos traballadores e traballadoras do mar” sinala o deputado.
Até hai cinco anos, para a renovación destes certificados non era necesario facer a formación, pois era simplemente un trámite administrativo en que se pagaba a taxa correspondente e se obtiña o certificado por outros cinco anos. Porén, agora para poder renovar ese certificado, que é imprescindíbel para o desenvolvemento da súa actividade, deben realizar un curso, que só está dispoñíbel a través de empresas privadas e seu custo sitúase nuns 200 euros.
En 2021 expirará a validez dos certificados emitidos en 2016 e o persoal do sector do mar deberá achegar os cursos correspondentes para poder asumir os deberes, labores e responsabilidades necesarias a bordo. Os certificados afectados son: Formación básica en seguridade, Avanzado na loita contra incendios, Embarcacións de supervivencia e botes de rescate non rápidos e Botes de rescate rápidos.
O certificado é obrigatorio para todos os mariñeiros da frota de baixura, e resulta moi difícil para eles afrontar a perda de días de traballo e o custo do curso. “Ao obrigar todos os mariñeiros á realización obrigatoria destes cursos, que só se ofertan a través de empresas privadas de formación, o Goberno español está a exixir un desembolso económico extraordinario inasumíbel moitos deles, especialmente tendo en conta as dificultades polas que pasa a pesca que nin sempre garante a obtención duns ingresos mínimos dignos” destacou Néstor Rego.