BNG exixe a Feixóo que rectifique as “desafortunadas” declaracións sobre abusos sexuais a menores dentro da Igrexa católica
A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, o deputado do BNG, Luís Bará exixiu ao Presidente da Xunta unha rectificación das súas declaracións sobre os abusos sexuais a menores, dentro da Igrexa católica e unha invesgacións para reparar o dano e condenar aos responsables destes graves delitos. Neste sentido, preguntou si a Xunta está disposta a “apoiar e colaborar coas investigacións que se leven a cabo no ámbito da Igrexa católica, a Xustiza e institucións públicas”.
Tras a intervención do Director xeral de Familia e Infancia, Jacobo José Rey que eludiu responder as cuestións formuladas polo nacionalista, Bará replicou que a Xunta continua tentando “desviar a atención” e reprochou a Rey dedicar a súa intervención a nomear diferentes programas, campañas e protocolos pero estamos, dixo, ante unha realidade, “abusos sexuais dentro da Igrexa católica” e a Xunta non pode seguir defendendo “unha causa xeral” para evitar posicionarse sobre a necesaria investigacion dos feitos como está a demandar unha grande parte da sociedade e como xa se fixo noutros países contra os abusos sexuais dentro da Igrexa católica.
O deputado non excluíu estender a investigación noutros ámbitos pero estamos a referirnos, dixo, a “unha realidade diferenciada e con características específicas e que se produce ao longo do tempo” e hoxe, o que pedimos dende o BNG e que o goberno galego se pronuncie e que o Presidente da Xunta “rectifique” as súas palabras porque “quedou en evidencia”.
Bará lembrou que Feixóo foi un “imprudente” ao contrario que o Papa Francisco ou o arcebispo de Santiago, Julián Barrio quen afirmou que “a proposta sobre unha comisión de investigación sobre abusos na iglexa, realizada no Congreso ou do «Defensor del pueblo» é ben recibida”. A xerarquía eclesiástica aproba a investigación, e o Goberno galego “di que non”, aseverou o nacionalista.
Para o deputado, as declaracións do Presidente da Xunta “revitimizan ás vítimas” e son “reincidentes e ofensivas” ao negar a posibilidade dunha investigación sobre a violencia na igrexa. Feixóo, afirmou, demostra unha grande ausencia de “sensibilidade” e busca en todo momento desviar a atención do foco que é a igrexa.
En moitos países europeos, explicou, houbo investigacións independentes que deitaron luz sobre unha realidade silenciada durante moito tempo como no caso de Francia con máis de 216.000 menores vítimas de abusos dende os anos 50 e entre 2.900 e 3.000 relixiosos pederastas e no que atinxe a Galiza, son coñecidos os casos da Congregación dos Maristas dos centros de Vigo, A Coruña, Lugo e Ourense.
A xuízo do deputado, o Partido popular en Galiza “obedece ao PP de Madrid e a Casado” e neste asunto, utilizan o mesmo argumento da ultradereita coa violencia de xénero, “hai que investigar todas as formas de violencias e non só as que padecen as mulleres”, prescindindo dunha realidade “incuestionable” e a alarma social sobre esta materia, recriminou.
Aínda que o PP se opoña, “haberá unha investigación” porque urxe rematar co seu modelo de impunidade e baixa calidade democrática. O Partido popular, Feixóo e a Xunta “quere protexer á igrexa como institución en lugar de protexer ás vítimas” e a pesar das mostras de destacados membros da igrexa que avogan por investigar os graves abusos sexuais.
Bará concluíu a súa intervención afirmando que unha investigacións de abusos sexuais no ámbito da igrexa católica con todos os medios e consecuencias, resulta “necesaria e beneficiosa” e non debería preocupar a ninguén porque é unha demanda social e das propias vítimas, sen embargo, a “vostedes parece que lles molesta”.