BNG exixe a devolución á Galiza das columnas de Antealtares
Néstor Rego reclama ao Ministerio de Cultura e a Dirección Xeral de Patrimonio devolver as estatuas á súa localización orixinal: o Mosteiro de San Paio de Antealtares
“O Ministerio debe iniciar os contactos coa Universidade de Harvard e o Museo Fogg para conseguir a devolución da estatua intercambiada” afirma Néstor Rego
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas para que o Ministerio de Cultura e a Dirección Xeral de Patrimonio inicien as actuacións precisas para que a Universidade de Harvard e o Museo Fogg devolvan as columnas do altar de Santiago do Mosteiro de San Paio de Antealtares. O BNG xa reclamou a recuperación destas figuras en 2019 e urxe acometer todas as actuacións precisas para resarcir á sociedade galega do espolio do seu patrimonio histórico artístico. Así mesmo, pide ao Goberno do Estado devolver o resto do patrimonio histórico artístico galego agora depositado en distintas institucións e museos de Madrid.
Vén de facerse público, a través dun estudo publicado por Francisco Prado-Vilar, que a decisión de desprenderse da columna non foi o resultado da negociación entre o Museo Fogg de Harvard e os distintos gobernos da República, senón que, tal e como revela a correspondencia entre o Ministerio de Belas Artes e o Subdirector do Museo, era unha decisión adoptada mesmo antes de que Xesús Carro enviase as columnas con destino Madrid pensando que a súa conservación no patrimonio público quedaba asegurada. Tratouse, conclúe a organización nacionalista, dun espolio do patrimonio histórico galego, pois ao tempo que se dicía adquirir as pezas para protexelas, planificábase xa o seu envío a Harvard.
En opinión do deputado nacionalista, o executivo estatal debe rematar con este espolio e resarcir ao pobo galego. “O Goberno do Estado, debe adoptar as medidas que permitan resarcir os espolios do pasado e facilitar que as coleccións dos museos estatais depositadas na súa maioría en Madrid sexan reintegradas aos seus lugares de orixe” reivindica o deputado do BNG no Congreso.
No caso concreto das Columnas do Mosterio de San Paio de Antealtares, continúa Néstor Rego, debería iniciar os trámites que permitan a devolución das dúas estatuas conservadas en Madrid, no Museo Arqueolóxico, á súa localización orixinal en Santiago de Compostela. Todo isto, á vez que se inician as xestións para lograr a restitución da columna intercambiada e regalada ao Museo Fogg de Harvad, para que finalmente as tres pezas poidan ser visitadas, estudadas e conservadas no lugar para o que foron creadas.