BNG exixe derrogar as contrarreformas laborais e urxe á Xunta a poñer en marcha un Plan de futuro para protexer á clase traballadora
Na manifestación do 1º de maio, celebrada en Vigo, Pontón salientou que as consecuencias da pandemia provocaron unha crise económica e social sen precedentes en Galiza. Os últimos datos publicados pola EPA, explicou confirman “a demoledora situación sociolaboral” co incremento do desemprego e máis precariedade ao que sumou a emigración de 200 mil persoas, na última década.
Unha Xunta incapaz de liderar unha saída da crise
A portavoz nacional do BNG urxiu á Xunta a poñer en marcha un Plan de futuro para unha saída social a crise e criticou que o goberno galego defenda á banca e as grandes empresas mentres deixa “na estacada” aos traballadores e traballadoras en Galiza. Necesitamos urxentemente “un plan de futuro” que sente as bases cara unha Galiza innovadora, que loite contra as desigualdades de clase e para iso é preciso mudar as actuais políticas, reiterou.
Non aceptamos “un goberno de brazos caídos” nin que nos tenten convencer de que para optar aos fondos europeos son necesarios máis recortes “sociais e nas pensións”. Non é xusto que as persoas pensionistas galegas, coas pensións máis baixas do Estado, se lles diga que o futuro vai ligado ao recorte das súas prestacións. Dende o BNG, “nunca aceptaremos este marco” porque Galiza ten futuro pero é necesario “derrogar as reformas laborais” e que a Xunta lidere a saída da crise.