BNG exixe depurar responsabilidades tras o interrogatorio e ameazas que sufriu o refuxiado palestino Muaht Hamed

Palestina
Néstor Rego denuncia a colaboración da Garda Civil co servizo de intelixencia israelí en territorio do Estado e a permisividade do Goberno para que o Mossad actuase nas dependencias do corpo de seguridade.

Bloque Nacionalista Galego exixe ao Goberno do Estado que se depuren responsabilidades polo acoso e interrogatorio ao xornalista palestino e refuxiado, Muath Hamed, en dependencias da Garda Civil en Madrid. Así mesmo, reclaman o cese das colaboracións co servizo de intelixencia israelí pois consideran absolutamente censurábel amparar a libre actuación do Mossad en territorio do Estado sen control e con total impunidade.

Muath Hamed, xornalista palestino e refuxiado en Biscaia xunto á súa familia, chegou fuxindo da persecución, o cárcere e a represión á que foi sometido polo Goberno israelí. Tras varios contactos e chamadas por parte da Garda Civil, tal e como relata o xornalista, foi convocado ás dependencias da Garda Civil no centro de Madrid onde o esperaban supostos axentes da Garda Civil e un deles resultou ser un membro do Mossad, o servizo de intelixencia israelí, sendo el quen se quedou só co refuxiado. O axente israelí someteuno a un interrogatorio sobre os seus contactos e fontes en Turquía e a súa relación con líderes de Hamás. Así mesmo, segundo relata o propio Hamed, foi ameazado, tanto el como a súa familia, se se negaba a colaborar.

“A actuación por parte da Garda Civil é completamente irregular, partindo da base de que non ten competencias en materia de estranxeiría ou asilo. Estas corresponden á Policía Nacional e debería ser este corpo quen tivese contacto co refuxiado” explica o deputado do BNG. “Isto supón un absoluto incumprimento da legalidade vixente e dos dereitos que lle asisten como cidadán” salienta o deputado nacionalista.

Por este motivo, a organización nacionalista exixe a condena do Goberno do Estado a actuación da Garda Civil que acosou a un solicitante de asilo, residente no Estado español, e permitiu aos servizos de intelixencia israelí actuar de maneira deliberada en territorio do Estado, sometendo ao refuxiado a un interrogatorio e a ameazas. “Deben investigarse estas actuacións e sancionar aos responsables de seguir permitindo, agora no Estado español, a persecución que sufría este cidadán palestino no seu país de orixe pola intelixencia israelí” subliña o deputado do BNG.

Así mesmo, a formación nacionalista enfatiza na necesidade de “depurar responsabilidades políticas, pois o Goberno e a Dirección da Garda Civil estarían a amparar a libre actuación do Mossad en territorio do Estado sen control e con total impunidade”. Este xornalista palestino estivo xa internado en cárceres de Israel ata en dez ocasiones, recibiu disparos mentres informaba sobre o conflito palestino-israelí, foi ameazado e coaccionado para converterse en informante do Mossad, agora, tras chegar ao Estado Español, Estado supostamente democrático no que veu solicitar asilo, as ameazas e o medo continúan.