BNG exixe denegar financiamento público á planta de biogás de Coeses (Lugo) pola afectación á veciñanza

Néstor Rego na reunión de Coeses
Segundo distintas informacións, a empresa promotora ten a intención de solicitar o financiamento do proxecto con cargo a fondos europeos mais “estamos a falar dun proxecto sen suficientes garantías ambientais e que pretende situarse nunha zona densamente poboada”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa para reclamar ao Goberno do Estado unha análise en profundidade dos efectos negativos sobre o medio, os recursos hídricos e a veciñanza do proxecto para a instalación dunha planta de Xestión de Residuos Orgánicos e Biometanización en Coeses (Lugo). Neste sentido, o BNG exixe ao executivo que atenda  a falta de garantías ambientais do proxecto e, se se producir algunha petición de financiamento con cargo aos fondos europeos ou doutro tipo, rexeitar a solicitude.

Ante a posíbel instalación dunha planta de biometanización na parroquia lucense de Coeses, o BNG -despois de manter un encontro coa veciñanza, en que participaron o tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o deputado no Congreso, Néstor Rego e a deputada no Parlamento da Galiza, Montserrat Valcárcel- rexistra iniciativas nas Cortes do Estado para coñecer a posición do Goberno, despois de que a Xunta de Galiza declarase este proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, unha resolución que permite a simplificación e axilización dos trámites administrativos.

“Desde que se publicou o proxecto e deu comezo o período de alegacións, a veciñanza de Coeses, así como do resto de núcleos de poboación máis próximos están a mobilizarse pola grave afectación que a posíbel construción da planta terá nos seus fogares. Trátase dunha actividade potencialmente contaminante e con malos cheiros recoñecidos que vai ser instalada a moi pouca distancia das vivendas” sinala o deputado do BNG no Congreso. De facto, esta grave afectación recóllese expresamente no propio proxecto presentado pola empresa, que mesmo recoñece que a planta emitirá cheiros e gases contaminantes así como que verterá 76,7 m3 de augas residuais ao regato de Vilalbite, un afluente do río Miño.

É máis, continúa o deputado do BNG no Congreso, distintos informes técnicos consideran que o actual proxecto que pretende instalarse en Coeses “non ten garantías de seguranza ambiental, atendendo ao volume de auga que precisaría captar e ao tratamento dos residuos líquidos que logo serían devoltos ao río” e, especialmente, na falta de eficiencia no control de cheiros.

Esta falta de seguranza tamén foi sinalada polo informe provisional emitido pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil “que informou desfavorabelmente o proxecto por considerar que o tratamento das augas residuais e a súa posterior evacuación a través do rego de Vilalbite non ten suficientes garantías” posto que se trata dunha canle con moi pouca auga, sobre todo nos meses estivais.

Segundo distintas informacións, a empresa promotora ten a intención de solicitar o financiamento do proxecto con cargo a fondos europeos, a pesar dos efectos negativos que terá para o medio e para os veciños e veciñas. “Non parece adecuado que o Goberno do Estado aposte por achegar fondos públicos a esta actividade industrial, polo menos mentres mantiver a actual localización” apunta o deputado do BNG.

“Hai que lembrar que os criterios fixados no Mecanismo de Recuperación e Resiliencia fan referencia a que os proxectos a financiar deben contribuír a asentar economías máis sustentábeis e mellor preparadas para as transicións ecolóxicas e dixitais” subliña Néstor Rego. Polo tanto, conclúe, non pode ampararse o desenvolvemento de industrias que afectan negativamente o medio ambiente, a protección da biodiversidade e un uso sustentábel dos recursos hídricos.