BNG exixe a Defensa paralizar un proxecto de construción no Cuartel de Dolores de Ferrol, declarado BIC
Néstor Rego sinala que as novas obras para a construción dun taller para o Tercio Norte de Ferrol, non contempladas no plan urbanístico, terá afeccións para o patrimonio
Iván Rivas exixe ao Alcalde que asuma a súa responsabilidade e protexa o patrimonio local, demandando tamén a rectificación do Ministerio de Defensa
O BNG, a través do seu deputado no Congreso, rexistra iniciativas en que inquire ao Goberno sobre as obras previstas no Cuartel de Dolores da cidade de Ferrol para a construción dun taller de automóbiles para o Tercio Norte. Néstor Rego exixe a Defensa a máxima colaboración entre institucións e que se paralicen os trámites para a construción nunha parcela cualificada de zona verde e que podería ter importantes afeccións patrimoniais no Cuartel declarado Ben de Interese Cultural. Reclama que o proxecto sexa sometido a todos os controis urbanísticos e patrimoniais preceptivos. Alén do máis, lembra que neste mesmo lugar, Defensa ocupou unha parcela limítrofe de titularidade municipal afecta a uso público sobre a cal xa se iniciou expediente de recuperación.
O portavoz municipal do BNG, Iván Rivas, exixiu ao alcalde da cidade que demande ao Ministerio de Defensa a rectificación do deslinde practicado na parcela con referencia catastral 2743007NJ6124S0001TX e que nos aqrquivos do concello consta como municipal e polo tanto a devolución dos terreos apropiados polo Ministerio de Defensa, que ademais forman parte das zonas verdes municipais.
Por outra parte Rivas lembrou que en reiteradas ocasións demandou na comisión informativa de urbanismo información respecto dos traballos que se pretenden desenvolver nesta parcela e diante do cal o PP asegurou non ter ningunha información nin intención de solicitala.
Para Rivas é moi preocupante que o Alcalde da cidade se exima da súa responsabilidade respecto da protección do patrimonio local e instouno a actuar como tal diante duns traballos que a día de hoxe descoñecemos a situación en que se atopan ou se contan coa autorización da Dirección Xeral de patrimonio.
Cesar nas intencións de levar a cabo a construción do taller
Defensa iniciou os trámites para edificar un Módulo para Talleres no Tercio Norte de Ferrol, nunha parcela cualificada no plan urbanístico da cidade como zona verde e sen seguir os trámites legais preceptivos para desenvolver unha obra destas características na cidade. “Sen saber, tampouco, que afeccións van ter sobre unhas edificacións declaradas como Ben de Interese Cultural polo que é preciso contar cos permisos oportunos e manter, cando menos, as cautelas que exixe a normativa de conservación cultural” sinala o deputado do BNG.
“O Ministerio de Defensa, alén de garantir a máxima colaboración entre institucións, debe contar cos informes perceptivos, tanto no eido municipal como da Consellería competente en materia de patrimonio cultural porque se está a falar dunha parcela que se atopa dentro da zona de protección do Cuartel de Dolores, declarado Ben de Interese Cultural” subliña Néstor Rego.
O BNG considera que Defensa debería dar “marcha atrás nas súas intencións de iniciar unhas obrase sen que exista un control previo”, cando menos informativo, respecto das posíbeis afeccións patrimoniais, así como repensar se este proxecto “debe saír adiante ou non”.
Recuperar os terreos municipais
Alén do máis, a organización nacionalista lembra da existencia dunha parcela –de titularidade municipal- que está a ser parcialmente ocupada polas instalacións do Cuartel de Dolores. Esta parcela mesmo foi pechada ao público polo fechamento perimetral do propio acuartelamento, que foi renovado hai un par de anos sen corrixir esta ocupación e, polo tanto, mantendo a división, collendo parte do terreo público municipal como se fose do Ministerio de Defensa.
“O Concello de Ferrol ten iniciado un expediente de recuperación destes terreos que chocou sempre coa negativa do Ministerio de Defensa de devolverllos á institución municipal e que abocou ao Concello de Ferrol a ter que iniciar unha reclamación xudicial para a súa recuperación” denuncia Rego.