BNG exixe o cumprimento íntegro do Acordo de Investidura, mesmo cos Orzamentos prorrogados
Na xuntanza de seguimento BNG-PSOE para avaliar as actuacións pactadas, ambas organizacións coinciden en que “son compromisos firmes, que seguen vixentes e se van executar nos termos acordados”
Por parte do BNG valorase positivamente a posta en marcha dalgunhas das medidas recollidas, mais trasladou ao PSOE a exixencia do cumprimento íntegro do acordado.
Nesta quinta feira reuniuse a Comisión de Seguimento do Acordo de Investidura entre o BNG e o Partido Socialista, solicitada pola formación nacionalista. A delegación do BNG, formada por Néstor Rego, Carme da Silva e Rubén Cela, valora positivamente que algunhas das medidas pactadas fosen xa executadas ou estean en tramitación, mais defendeu que cos Orzamentos prorrogados é posíbel executar a maioría dos compromisos e anunciou que seguirá sendo exixente no cumprimento das actuacións pactadas para a investidura.
A xuntanza, realizada por proposta do BNG, tivo como obxectivo avaliar o estado de execución das medidas recollidas no Acordo de Investidura, especialmente após a decisión do Goberno de renunciar a tramitar os Orzamentos do Estado de 2024. Ambas as organizacións concordaron na súa vixencia e na necesidade de que continúe avanzando a execución do Acordo. “Cos Orzamentos prorrogados neste 2024 a inmensa maioría das actuacións asinadas pódense levar a cabo porque existe marxe para facelo. A prórroga dos orzamentos non é ningún impedimento para cumprir as actuacións previstas. Hai mecanismos e instrumentos suficientes nas contas do Estado para facelo” sinala a delegación do BNG.
BNG e PSOE coinciden en que o recollido no Acordo de Investidura son compromisos firmes, que seguen vixentes e se van cumprir nos termos acordados. A formación nacionalista advertiu que continuará sendo exixente para garantir o cumprimento íntegro das medidas acordadas.
Actuacións en marcha para 2024, conforme o acordo
A delegación do BNG avaliou positivamente a materialización dalgunhas das medidas recollidas no acordo, como as bonificacións no transporte colectivo ou o aumento do financiamento para a construción da nova depuradora de Santiago de Compostela e outras actuacións que están a ser impulsadas como a reforma da rede viaria galega para a mellora da seguranza viaria nas estradas que son competencia do Estado. Ou mesmo os avances en obras como a construción dos viadutos da A-6 no Castro: aberto xa o de dirección Madrid, e a bon ritmo no de dirección A Coruña para abrilo neste ano 2024, como recolle o Acordo.
Do mesmo modo, constatouse a vontade do Goberno do Estado de avanzar na mellora, modernización e electrificación da rede ferroviaria galega, coa tramitación dos estudos operativos e informativos previstos, así como no compromiso existente de impulsar o estudo para a implantación do servizo de proximidades ferroviarias na Galiza, a comezar polos tramos Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol.
Por parte dos representantes do PSOE e do Goberno trasladouse a decisión de que, unha vez constituído o novo Goberno galego, se comunicará á Xunta de Galiza o convite para reunir a Comisión Mixta de transferencias co obxecto de abordar o traspaso das competencias pendentes, conforme o compromiso adquirido no Acordo de Investidura.