BNG exixe á CRTVG impulsar a ficción galega e emitila en horario de máxima audiencia
A deputada do BNG, Olalla Rodil exixiu á CRTVG “impulsar á ficción galega” e emitila en horario de máxima audiencia.
A través dunha pregunta parlamentaria formulada pola nacionalista na comisión de Control da CRTVG, Rodil lembrou que existen “series galegas de éxito” máis accesibles nas plataformas dixitais que na propia TVG.
Na súa intervención explicou que relegar máis alá das 11 da noite a emisión das series e cinema non facilita o acceso de público potencial. Para a deputada, a aposta da TVG nas franxas horarias de máis audiencia que van contra a última hora da tarde e despois do telexornal non inclúe as series de ficción nin ao público potencial neste ámbito.
O público, afirmou Rodil, busca o próximo en medios de comunicación que transmitan o que coñecemos. Esta información atopámola nos xornais con seccións de comarcas e tamén na TVG que é “a única que fala de nós”, de aí a importancia dos medios públicos.
Sobre as plataformas, a deputada asegurou que resulta un factor determinante e urxe buscar un “plan de dixitalización” ante este escenario. Non pode ser que se envorque toda a serie, A lei de Santos con 13 capítulos e o público descoñeza que se pode ser visualizada na plataforma En serie TVG. Isto, recalcou, obedece á “improvisación” e falta dunha estratexia de comunicación axeitada.
A deputada nacionalista exixiu á CRTVG unha “aposta real” pola produción propia e a ficción galega e “en galego”, por responsabilidade co sector e a obriga do ente a impulsar a creación no audiovisual galego e tamén, remarcou porque é “unha aposta segura” en termos mercantís. “O éxito é recoñecido” e o audiovisual galego conta con produtos de grande calidade. É preciso, seguir apostando pola compra de produción de ficción audiovisual galega e que se acompañe dunha estratexia de difusión que permita ao público poder gozar desa creación audiovisual.
Neste momento, subliñou a parlamentaria, resulta máis doado ver unha serie no Reino Unido que en Galiza poidamos ver a nosa creación cultural. Non podemos seguir relegando unha serie a máis alá das 11:30 da noite sobre todo si é unha serie de lanzamento e un produto propio da Televisión de Galiza, concluíu.