O BNG exixe á CRTVG que garanta a información veraz sobre os casos de corrupción política

Montse Prado faise eco das denuncias de manipulación feitas polo Comité de Empresa e lembra que nestes momentos a cidadanía reclama máis que nunca o dereito a ser informada verazmente, ante a situación de grave deterioro político e social.

O grupo parlamentar do BNG, a través da súa deputada Montse Prado, ven de exixir do director da CRTVG que actúe ante o comunicado do Comité de Empresa denunciando manipulación á hora de informar sobre os casos de corrupción política.

Montse Prado rexistrou unha iniciativa parlamentar preguntando se a dirección da Compañía ten aberta ou pensa abrir algunha investigación para aclarar os feitos e instando a Sánchez Izquierdo, o seu director, a que elimine estas prácticas e garanta o dereito dos cidadáns a ter unha información veraz, plural e obxectiva.

Demanda cidadá

A deputada nacionalista cualifica de moi grave que o Comité de Empresa teña que chegar á situación de emitir un comunicado denunciando presións nos servizos informativos por parte dos directivos da canle, sobre todo nun momento no que os telespectadores demandan con máis forza coñecer a realidade dos feitos, “pois a percepción é a dunha situación de grave deterioro político e social”.

Prado faise eco na súa iniciativa das queixas do Comité, que reflicten unha situación e unhas prácticas que non son novas no ente público pero que se están vendo agravadas nos últimos meses cos casos de corrupción como a operación Pokemon ou o caso Bárcenas que implican a membros do PP.