BNG exixe a conexión ferroviaria ao porto exterior de Langosteira e condonar a débeda do Porto da Coruña
A través dunha proposición non de lei, a deputada do BNG, Mercedes Queixas urxiu ao goberno galego a poñer en marcha “un Plan estratéxico de recuperación e impulso da actividade comercial do porta da Coruña”.
Na súa intervención, a deputada instou á Xunta a demandar do Goberno do Estado “a licitación inmediata da conexión ferroviaria ao porto exterior de Langosteira e a condonación da débeda”.
Mercedes Queixas denunciou a regresión económica continuada durante a última década, do porto da Coruña pola diminución de tráficos, o abandono do tráfico de contedores, a dependencia das descargas de petróleo e carbón e unha aposta polo tráfico de cruceiros, ao que sumou a ausencia de diversificación e captación de novos mercados como fixeron portos próximos como Vigo ou Ferrol. “Mentres os tráficos portuarios en España medran máis do 20.7%, no porto da Coruña diminúen un 11,5%”.
O porto da Coruña, como porto de interese do Estado, subliñou require “un plan estratéxico” que contribúa a súa recuperación como emprazamento óptimo para acoller unha ampla diversidade de escalas e tráfico comercial nacional e internacional.
Neste sentido, urxe recuperar a conexión con outros recintos para dinamizar os tráficos, nomeadamente o emerxente de contedores, captar novos fluxos de mercadorías, ser base de operacións e facilitar a súa dimensión internacional.
BNG pide condonar a débeda
O Porto da Coruña condiciona severamente a súa funcionalidade pola débeda acumulada de 302 millóns de euros, dos que 200 son de Portos do Estado. Na actualidade, o porto, está pagando intereses ao Estado ao 5% pola débeda que o converte “nun dos principais fondos de ingresos do Estado”. Unha débeda que provoca as taxas máis altas a respecto dos portos veciños, resta competitividade e frea a súa expansión.
Mercedes Queixas lembrou que o BNG presentou unha emenda aos Orzamentos Xerais do Estado 2021, cunha dotación de 20 millóns de euros para licitar o acceso ferroviario ao Porto Exterior, emenda que non prosperou polo voto en contra de PSOE e Podemos.
Por outra banda, dixo, a falta real de compromisos do Estado para o acceso ferroviario e a negativa a condonar a débeda do Porto ou procurar unha situación análoga, obedece, en opinión da nacionalistas “a unha operación sobre a que volve xustificarse a venda de activos do porto, “abrindo a porta a un novo pelotazo urbanístico”.
U-la a transición ecolóxica?
Fálase de transición ecolóxica e obrígase a transportar as mercadorías, mesmo cun alto potencial contaminante, en camións, até o corazón da cidade cun elevado impacto ambiental. Transición si, pero con estes desprazamentos, “ecolóxica en absoluto”, sentenciou a deputada.
A construción do Porto Exterior da Coruña foi unha decisión de Estado e tras gastar 1.000 millóns de euros o porto quedou incomunicado sen acceso ferroviario. Unha esixencia que agora tamén fai pública o PP.
A Xunta de Galiza e o Ministerio de Fomento asinaron no 2018, un protocolo que defendía a vixencia dos convenios de 2004 que implican vender activos do porto da Coruña con fins urbanísticos para financiar o porto exterior.
Durante a sinatura do protocolo, Feijóo afirmou que a achega económica da administración galega sería de 20 millóns. “Toda unha declaración de intencións da que nada máis se soubo”.
Reedítase unha nova escenificación do encontro, agora Ábalos-Feijóo, como noutra altura Feijóo-Pepe Blanco, quen afirmara que o AVE ía estar en 2016, para nos dicir que todo está encamiñado, mais sen datas nin compromisos orzamentarios de execución.
Polo momento, recalcou a nacionalista, o único compromiso firme recollido en resposta escrita a preguntas do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, é a intención do presidente de Portos do Estado de levar a cabo unha reestruturación da débeda da autoridade portuaria cunha moratoria até 2035 e vinculándoa coa venda de activos do porto.
Asuman as súas responsabilidades desde a Xunta e o goberno central, “deixen de compartir ineptitudes poñendo en risco o potencial industrial e comercial do Porto da Coruña e actúen xa asentando as bases para liquidar unha hipoteca completamente allea á cidadanía coruñesa e un agravio comparativo con Galiza”.