congreso

BNG exixe o cese das prácticas abusivas da SAREB nas vivendas de Barro

Néstor Rego

Néstor Rego exixe ao Goberno actuar e paralizar as accións xudiciais, tal e como se comprometera a SAREB, para negociar un acordo xusto cos inquilinos e inquilinas e que poidan continuar a vivir nos seus fogares

“Estaremos atentos e vixiantes para que o anuncio do Goberno non fique só en propaganda electoral, pois polo momento na práctica no se está a apreciar ningún cambio, e a SAREB segue a empregar prácticas abusivas” advirte Rego sobre a mobilización dos activos do “banco malo”.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Goberno do Estado o cese das prácticas abusivas por parte da SAREB cos inquilinos e inquilinas actuais dos pisos que posúe no concello de Barro, paralizar as accións xudiciais e negociar un verdadeiro acordo, con condicións xustas, coas persoas afectadas. Alén do máis, a frente nacionalista lembra que estarán vixiantes e atentos ante as “promesas electorais” de Pedro Sánchez sobre a mobilización dos activos da SAREB, cuxas prácticas seguen a ser abusivas, e continúan a defender a cesión destes inmóbeis á Xunta de Galiza para destinalos a vivenda pública, sobre todo en réxime de aluguer.

A organización nacionalista denuncia que a SAREB volve pór en funcionamento as súas malas prácticas para conseguir o desafiuzamento das persoas inquilinas nos seus inmóbeis, nesta ocasión, no concello de Barro. Os veciños e veciñas, explica Rego, manifestaron a súa vontade de chegar a un acordo coa entidade xa que o seu único obxectivo era permanecer nos seus fogares, mais non logrou que a compromisos en firme coa entidade.

Recentemente, hai tan só uns meses e, cando só quedaban xa en loita tres dos dez afectados, os veciños lograron sentarse a negociar coa SAREB e esta semellaba abrirse a chegar a un acordo xusto e rematar coas accións xudiciais.

Segundo explica o deputado do BNG, a SAREB non está a cumprir o prometido coas veciñas: “mantivo as reclamacións xudiciais para negar aos veciños o dereito de retracto que lles permitiría comprar as súas vivendas polo mesmo prezo polo que foron adquiridas pola entidade bancaria”. De facto, un destes xuízos terá lugar hoxe mesmo, avanzando aínda máis nas manobras de presión para lograr o desaloxo do inmóbel.

“O Goberno do Estado debe actuar e conseguir que a SAREB paralice as accións xudiciais para negociar un verdadeiro acordo coas persoas afectadas e favorecer que continúen vivindo nos seus fogares desde hai décadas” demanda Néstor Rego. O deputado nacionalista sinala que os compromisos hai que cumprilos e o denominado “banco malo” comprometeuse a paralizar o xuízo de retracto.

En opinión do deputado nacionalista, semella que, a pesar dos anuncios realizados polo Goberno de “mobilizar” os activos inmobiliarios da SAREB para destinalos a alugueiro social, o banco continúa a levar a cabo esas prácticas abusivas e lograr o desaloxo dos inquilinos para poder especular, vender ou alugar, a un prezo moi superior ao de adquisición e mesmo con prezos por encima do valor medio de mercado.

“No BNG estaremos atentos e vixiantes de que o anuncio do Goberno non fique só en propaganda electoral. Estaremos activos para que estes compromisos se cumpran e teñan unha plasmación práctica e esta é unha oportunidade de facelo en beneficio do conxunto das galegas e galegos” explica o deputado do BNG. Neste sentido, Rego lembra que pasaron tres semanas do primeiro anuncio realizado polo Presidente sobre a mobilización das vivendas propiedades da SAREB e, aínda a día de hoxe, “descoñecemos cal será o mecanismo que se empregará e en canto tempo prevé o Goberno destinalas a vivenda pública en réxime de alugueiro”.