BNG exixe axilidade e maior investimento no Corredor Atlántico na Galiza ante as reiteradas demoras na execución
Néstor Rego demanda o compromiso do Goberno do Estado e o novo comisionado do Corredor Atlántico para realizar todas as actuacións previstas na Galiza para a modernización, electrificación e outras melloras imprescindíbeis
A frente nacionalista quere impulsar “con seriedade e rigor” as obras pendentes de realizar e incorporar actuacións estratéxicas para desenvolver o Corredor Atlántico na Galiza
O Bloque Nacionalista Galego rexistra varias iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado máis compromiso na execución do Corredor Atlántico, infraestrutura ferroviaria estratéxica para a Galiza, ante os continuos atrasos en relación co fixado na folla de ruta inicial elaborada en 2018. A frente nacionalista, a través do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe maior axilidade e investimento para concretar e reducir os prazos e que o proxecto completo estea listo antes de 2031. Así mesmo, a organización nacionalista demanda información e compromiso por parte do executivo para incorporar todos os tramos previstos e impulsar o Corredor Atlántico de mercadoría no territorio galego.
O novo comisionado para o Corredor Atlántico anunciaba no pasado 6 de marzo en Xixón unha serie de actuacións valoradas en 16.000 millóns de euros. Pola conta, no acto de presentación non se concretaron as actuacións que se levarán a cabo na Galiza e só se indicou, de forma xenérica, que a rede básica estará lista en 2030; a rede ampliada, en 2040; e a rede completa, en 2050.
A frente nacionalista, neste sentido, entende que non existe o mesmo compromiso do Goberno do Estado para realizar as actuacións no Corredor Mediterráneo e na infraestrutura do Atlántico, a pesar da afirmación do comisionado de que ambos os proxectos se desenvolverán en paralelo. “Estes anuncios deben demostrarse na práctica. Pasar das palabras aos feitos con investimento concreto e un calendario para a execución. Non tardar anos en nomear o comisionado e, inclusive, non agardar até outubro para publicar o novo Plan Director” indica o deputado do BNG.
“A folla de ruta publicada e prevista para a construción do Corredor Atlántico galego en 2018 quedou obsoleta” denuncia Rego. O incumprimento do previsto neste documento, realizado por ADIF e INECO, en que se contemplaban as obras e prazos de execución “é a definición gráfica do escaso compromiso do Goberno do Estado para desenvolver o Corredor Atlántico na Galiza”. O deputado do BNG sinala a necesidade de actuar na rede ferroviaria convencional, construída no S. XIX e sen case ningunha actuación desde aquel momento, para a “modernización íntegra, a electrificación de toda a rede e outras melloras imprescindíbeis”.
“O impulso do transporte de mercadorías por ferrocarril na Galiza é unha materia pendente. Concretamente, o Corredor Atlántico leva anos de atrasos e de espera. A creación deste comisionado debe servir para impulsar as actuacións con seriedade e rigor” demanda o deputado do BNG. Néstor Rego exixe coñecer as previsións, os horizontes temporais, a execución, os investimentos que realizará o Estado e os procedentes dos fondos europeos para as distintas actuacións a levar a cabo no territorio galego.
“Debe existir compromiso do Goberno en relación á liña A Coruña-Vigo, a que vai de Vigo-Ourense-Monforte-León e a do Porto Exterior da Coruña. Tamén interesa saber se se inclúen tramos de vía nova que consideramos importantes, como a saída sur de Vigo, que non pode quedar fóra das infraestruturas do Corredor, algo que se puxo de manifesto en numerosas ocasións, tamén no Parlamento europeo. É un clamor na Galiza” reivindica Rego.