BNG exixe ao titular de Sanidade que deixe de facer de “comentarista” e achegue solucións para a Atención Primaria
A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, exixiu ao conselleiro de Sanidade que “deixe de facer de comentarista do que fan outros e achegue solucións” á situación de “alarma sanitaria” na que se atopa a Atención Primaria galega.
“Un conselleiro e un goberno non están para comentar e dicir que hai problemas, están para resolvelos; vostede é o conselleiro de Sanidade de Galiza e ten a responsabilidade de dar respostas”, recriminou con severidade ao máximo responsable da sanidade pública galega nunha interpelación no Parlamento galego.
“Aparte de vir de comentarista e a dicir que todo está ben cando a veciñanza e as e os profesionais están na rúa reclamando solucións e cando organismos como o CES lles están a dicir que teñen que rectificar, que máis ten que pasar e quen máis llo ten que dicir para que vostedes rectifiquen e, sobre todo, que resposta lle dá ás miles de persoas que están desatendidas, ás e aos profesionais que están ao límite ou a todas esas entidades que din que a Atención Primaria está nun punto de non retorno?”, cuestionou ao titular da consellería.
Logo de repasar cun nutrido número de exemplos a situación de colapso e de falta de profesionais no verán en distintos centros de saúde e PACs do País, fundamentalmente -pero non só- na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, Prado advertiu unha vez máis que a sanidade pública sigue camiñando en Galiza “cara ao precipicio, cada día un paso máis”. “O que se viviu este verán, que é absolutamente impresentable, no se viviu nunca e a responsabilidade será de quen leva 13 anos gobernando e xestionando”, incidiu.
Neste sentido, amosou durante a súa intervención distintas imaxes con carteis colgados polos propios profesionais de diversos centros advertindo da falta de médicos e médicas porque, segundo recalcou, “están fartos e fartas de que lles partan a cara polo que fai o PP e de que os responsabilicen cando xa non teñen mans para seguir traballando”. “Esta é a realidade diante da que vostedes din que a sanidade galega é unha envexa para España e para Europa”, afeou, en referencia a unhas declaracións realizadas pola secretaria xeral do PP galego, Paula Prado.
Segundo afirmou a deputada do BNG, a Atención Primaria está nunha situación de “alarma sanitaria porque o é cando a cidadanía non ten a onde acudir e cando ten demoras como as que está sufrindo”, polo que acusou ao Goberno do PP de tentar minimizar o problema para seguir deteriorando o sistema público en beneficio do negocio privado. “O que está a acontecer é a crónica anunciada dunha voadura anunciada, dunha voadura programada, a voadura dun PP que ten clarísimo cal é a súa folla ruta: deteriorar a sanidade pública”, denunciou.
Así, reprobou ao titular de Sanidade o uso que fixo dos datos durante a súa intervención xa que, segundo recalcou, “vostede pode dicir o que queira, pero os orzamentos están aí e o certo é que a Atención Primaria ten menos orzamento que hai 13 anos, que baixou no conxunto do orzamento da sanidade pública e que temos menos investimento en Galiza en Atención Primaria que no conxunto do Estado”. A isto engadiu a eliminación das xerencias de Atención Primaria, a súa secundarización respecto da hospitalaria, o maltrato continuado das e dos profesionais ou a incapacidade do Executivo galego a fidelizar ás e aos profesionais que rematan a súa formación en medicina de familia.
“Efectivamente, non hai médicas e médicos; non hai médicos dispostos a traballar nestas condicións, que é unha cuestión que a vostede se lle esquece dicir”, reprochou para concluír reclamando a continuación condicións dignas para as e os profesionais, o incremento inmediato de orzamento para a Atención Primaria ou a incorporación de novas categorías profesionais como as de psicoloxía clínica, entre outras, máis se cabe tendo en conta que o 30% das consultas da Atención Primaria están relacionadas coa saúde mental.