BNG exixe ao Ministerio de Transportes que garanta o remate do viaduto derrubado da A-6 en sentido a Madrid neste 2023, e o que vai cara A Coruña en 2024
O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, presentou diversas preguntas dirixidas ao Ministerio de Transportes para exixirlle que garanta o remate dos viadutos derrubados da A-6 nos prazos comprometidos.
É dicir, o viaduto en sentido cara Madrid debería estar finalizado neste ano 2023, e o correspondente cara A Coruña en 2024. Lembra Néstor Rego que no pasado mes de xuño, en período pre eleitoral, a subdelegada do Goberno en Lugo afirmou que as obras nos viadutos derrubados “evolucionaban ao ritmo previsto”. E engadía que non había variación en canto aos prazos estipulados.
Razón pola que inquire ao Ministerio se actualmente poder asegurar eses prazos temporais, e quer saber cal é o horizonte temporal que manexa para a apertura ao tráfico da vía nesa zona.
“Fixo o Ministerio unha revisión de todos os viadutos da A-6?”
O deputado do BNG pregunta se o Ministerio de Transportes levou a cabo unha revisión de todos os viadutos da A-6, “unha revisión que cremos imperiosa dado o modelo construtivo inadecuado que se aplicou ao longo de toda a autovía”. Neste sentido lembra que desde o BNG “demandamos explicacións en numerosas ocasións polo colapso e as causas dos defectos construtivos acreditados nos informes feitos públicos. Evidenciouse a baixa calidade dos materiais, e a discrepancia entre o proxecto e a obra executada”.
Precisamente debido aos problemas do modelos construtivo, “exiximos en varias ocasións unha auditoría”.
Melloras na A-6
Por outra banda e en relación á A-6, o parlamentar do BNG alude á adxudicación das obras para reformar o firme desta autovía entre Lugo e Villafranca. “A mellora do estado deste vial acumula anos de reivindicacións polo deterioro do firme en moitos puntos debido á falla de investimentos no seu mantemento. Un perigo para a seguranza vial”, afirma o deputado do BNG.
Néstor Rego interpelas obre os prazos temporais para executar estas obras, cando van dar comezo, que horizonte se manexa para a reconstrución dos viadutos do Trabadelo, e se ten en marcha a revisión dos túneles conforme aos estándares da UE.