congreso

BNG exixe ao Goberno retirar a simboloxía franquista e substituír o nome do colexio Salvador Moreno de Pontevedra

Néstor Rego
Néstor Rego
A formación nacionalista reclama eliminar o ideario relixioso do centro público e transferir a xestión á Xunta de Galiza que posúe as competencias en educación.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, require ao Goberno do Estado a substitución do nome do colexio público de Pontevedra “Salvador Moreno” por tratarse do nome dun militar franquista que participou no golpe de estado en 1936. Rego demanda ademais rematar coa prolongada situación de excepcionalidade e que transferir a xestión do centro a Xunta de Galiza por teren as competencias educativas, así como eliminar o ideario relixioso do centro.

O Colexio “Salvador Moreno” de Pontevedra foi chamado así polo militar que participou activamente no golpe de estado contra a II República en 1936 e na represión da Ditadura fascista durante a cal, ocupou distintos cargos como o de Ministro de Mariña.

“O Goberno do Estado ten que cumprir a Lei 52/2007 en que se recoñece e amplía os dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura” afirma o deputado do BNG no Congreso. “É preciso que se retire a simboloxía franquista que aínda permanece nas dependencias do colexio e, con carácter urxente, tense que substituír o nome do centro. Non se pode render homenaxe a un franquista” incide Rego.

Para a formación nacionalista, “este centro constitúe unha verdadeira anomalía, non só por conservar o nome que enxalza a un recoñecido militar franquista, senón tamén porque se trata dun edificio público de carácter civil de carácter educativo onde persoal civil ao servizo do Ministerio de Defensa desenvolve a súa actividade profesional, pero a pesar diso, e de que as competencias en educación corresponden á Xunta de Galiza, non foi transferido. Por este motivo, Rego reclama que se transfira a xestión do centro a Administración galega e integralo plenamente no sistema público de ensino.

Alén do máis, Rego recrimina que “a pesar de ser un centro sostido integramente con fondos públicos e depender da Armada, o colexio segue mantendo un ideario relixioso, obrigando a aceptalo a toda a comunidade escolar”. O deputado nacionalista insiste na necesidade de eliminar toda simboloxía e rastro do ideario relixioso por tratarse dun centro público.

Así mesmo o centro contravén tamén o establecido na lei respecto do uso das bandeiras e símbolos do Estado xunto coas recoñecidas nos Estatutos de Autonomía, segundo a cal as dúas deben ser utilizadas conxuntamente nos edificios públicos civís, mais ignoran esta obriga e no colexio só ondea a bandeira do Estado e non a galega.

A organización nacionalista lembra que non é a primeira vez que reclama estas medidas ao Goberno do Estado xa que en 2017 e 2018, houbo iniciativas e contacto co executivo estatal e iniciativas municipais na cidade de Pontevedra en que se substituíu o nome da rúa “Salvador Moreno” polo de “Rosalía de Castro”. Así pois, a situación de excepción na que se sitúa este centro debe rematar, debe integrarse no sistema público e cumprir coa legalidade vixente en materia de memoria histórica, no respecto da lingua, dos signos propios da Galiza e da aconfesionalidade propia das institucións financiadas con fondos públicos.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG