BNG exixe ao Goberno priorizar a conexión ferroviaria entre a Galiza e Portugal
Néstor Rego defende que a ligazón Vigo-Porto é fundamental para os intereses da Galiza e para o desenvolvemento económico da área de Vigo e do conxunto do noso País
Ante as declaracións realizadas por Pedro Sánchez na cimeira ibérica en que aposta pola conexión Lisboa-Madrid, o BNG reclama manter a posición sostida até o de agora e cumprir os acordos asinadosMadrid, 24 de outubro de 2024. Após a realización da cimeira hispano-lusa, que decorreu en Faro, e a sinatura da Declaración conxunta entre os Estados, o BNG vén de exixir ao Goberno do Estado español que respecte o acordos asinados co BNG e manteña a prioridade da conexión ferroviaria Vigo-Porto. Para a organización nacionalista, as declaracións do Presidente do Goberno do Estado español, non só se afastan dos compromisos estabelecidos senón que chocan tamén coa posición do Goberno portugués que aposta decididamente pola conexión no Eixo Atlántico.
O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado no Congreso, vén de rexistrar iniciativas ante as contradicións materializadas na cimeira hispano-lusa. No concreto, após as declaracións realizadas polo Presidente do Goberno do Estado e a súa prioridade de conectar por alta velocidade Lisboa e Madrid -como vén reclamando Isabel Ayuso- no canto da posición mantida até o de agora polo executivo como consecuencia do Acordo de Investidura asinado co BNG, coincidente tamén coa goberno luso, de priorizar a conexión Galiza-Portugal.
Rego salienta o “despropósito” que representa priorizar a conexión por tren de alta velocidade entre as cidades de Lisboa e Madrid, que implicaría construír máis de 200 quilómetros de vía frente á conexión entre Porto e Vigo, en que só resta por completar 25 quilómetros -Vigo/Valença-), sendo que, ademais, “isto contrasta coa prioridade que o Goberno portugués dá e quere seguir dando á conexión Vigo-Porto, tal e como manifestou de maneira rotunda o primeiro ministro de Portugal, Luís Montenegro, afirmando que a pretensión do seu goberno é axilizar os prazos e calendario inicialmente previstos”.
O deputado do BNG lembra que a Galiza ten padecido historicamente unha permanente desatención das súas necesidades en materia ferroviaria o que ten suposto un lastre para o seu desenvolvemento. “Resulta, polo tanto, inxustificábel que o Goberno español pretenda volver priorizar Madrid -como exixía a presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso-, a pesar de contar xa cunha amplísima conexión ferroviaria de alta velocidade, sobre os avances na vertebración do Eixo Atlántico e a conexión entre Galiza e Portugal”. Unha decisión que só pode estar motivada pola aplicación dunha visión centralista que coloca a Galiza nun papel periférico e subordinado, que non pode ser tolerado.
As vacilacións e incongruencias do Goberno español contrastan coa firmeza dos gobernos portugueses que teñen claro a prioridade da conexión entre Lisboa, Porto e Vigo, como vén de ratificar o Primeiro-Ministro Luís Montenegro. “O BNG ten trasladado ao Goberno en innumerábeis ocasións que é fundamental para Galiza impulsar a conexión de alta velocidade Vigo-Porto pola súa relevancia para o desenvolvemento económico, comercial, industrial e poboacional da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal” lembra Rego.
A organización nacionalista entende que o Goberno español debe manter a postura sostida até o de agora para impulsar a liña Vigo-Porto ao compás das actuacións do Goberno portugués. “O executivo español debe axilizar a tramitación da saída sur de Vigo para que poida esta lista no horizonte de 2030 e impulsar a conexión Vigo-Porto. Agardamos que o Goberno do Estado corrixa a posición que vén de enunciar Pedro Sánchez e cumpra os compromisos coa Galiza” sentenza Rego.”