BNG exixe ao Goberno unha “postura firme” contra o desmantelamento da frota pesqueira galega promovido pola UE
Carme da Silva denuncia que a Comisión Europea está a promover o despezamento de buques galegos e chama o Goberno a adoptar medidas para reforzar a frota galega como eliminar o principio de estabilidade relativa
“Que posición vai defender o Ministerio no vindeiro reparto de cotas na Unión Europea? A mellora das biomasas debería aumentar as cotas para a Galiza” di
A senadora do BNG, Carme da Silva, rexistra novas iniciativas para solicitar o compromiso do Goberno e “unha posición firme” na defensa do sector pesqueiro galego e contra as políticas que está a promover a Unión Europea para o despezamento dos buques galegos. O Bloque Nacionalista Galego anima o executivo estatal a defender os intereses do sector ante a Comisión Europea “favorecendo o aumento das cotas para a nosa frota, eliminando o principio de estabilidade relativa, tan discriminatorio para a pesca galega, e demandando estudos serios e rigorosos sobre a situación dos stocks das distintas especies para evitar novos fechamentos dos caladoiros”.
A política pesqueira promovida pola Unión Europea ten por obxectivo incentivar a grande pesca industrial e rematar cunha forma tradicional de actividade que na Galiza predomina. “O BNG leva anos denunciando as negativas consecuencias que ten as políticas da UE sobre a nosa pesca con medidas que foron reducindo a actividade pesqueira e dificultando a subsistencia do sector no lugar de promover o mantemento das frotas artesanais que dinamizan as localidades costeiras, asentan poboación e son máis sustentábeis” destaca a senadora do BNG.
A Comisión Europea, de facto, multiplicou os seus esforzos para promover o desmantelamento da pesca galega animando aos estados membros da Unión Europea a despezar as súas frotas pesqueiras. “O Ministerio debe manter unha posición firme en contra desta política e adoptar as medidas necesarias para evitar a destrución do sector pesqueiro galego” subliña Carme da Silva. Así mesmo, insta o Goberno a aprobar políticas encamiñadas a reforzar o sector, garantir a súa viabilidade futura e permitirlle vivir da actividade pesqueira.
Aumento das cotas para a frota pesqueira galega
A biomasa de especies pesqueiras como o xurelo ou a sardiña estanse a recuperar. Para a organización nacionalista, e as propias persoas do sector, este é un síntoma de que “non é preciso ir a medidas drásticas como as que se propoñen ou a vedas masivas e sen estudos fiábeis como as que foron impostas até o de agora”. Neste sentido, o BNG entende que o Goberno do Estado debe reclamar á Unión Europea estudos serios e rigorosos sobre a situación dos stocks das distintas especies pesqueiras para evitar o fechamento indiscriminado de caladoiros que non se sosteñen en informes científicos.
Así mesmo, Carme da Silva urxe o Goberno a defender a eliminación do principio de estabilidade relativa, tan discriminatorio para a pesca galega. “Que posición vai defender o Ministerio de cara ao vindeiro reparto de cotas pesqueiras no seo da Unión Europea? Comparte que a mellora das biomasas de especies debería redundar na mellora das cotas pesqueiras para a Galiza” require a senadora do BNG ao Goberno nas últimas iniciativas rexistradas.
Galiza como “Zona Altamente Dependente da Pesca”
“Galiza é o territorio que máis frota e tripulantes perdeu desde 1986. O camiño non é o despezamento de buques senón que hai que adoptar medidas para acabar coa discriminación da frota galega, como reclamar o recoñecemento da Galiza como Zona Altamente Dependente da Pesca diante dos organismos da Unión Europea que correspondan” defende Carme da Silva.