Congreso

BNG exixe ao Goberno paralizar o concurso de eólica mariña e retirar os Plans de Ordenación do Espazo Mariño

“O Goberno do Estado está a hipotecar o futuro do sector pesqueiro galego en favor, máis unha vez, das grandes eléctricas” denuncia o deputado do BNG

Néstor Rego avanza a oposición do BNG a respecto das pretensións do Goberno de implantar case 50% do total da potencia eólica mariña na costa galega

“Esta decisión, ademais de non contar cos estudos de impacto ambiental e socioeconómico, supón un castigo para o noso País e para o noso sector pesqueiro” denuncia

O Bloque Nacionalista Galego oponse de maneira frontal as pretensións do Goberno do Estado de implantar 50% do total da potencia de eólica mariña na costa galega. O deputado do BNG, Néstor Rego, sinalou que esta decisión supón hipotecar o futuro do sector pesqueiro galego, e por extensión o sector mar-industria, e un castigo para a Galiza. Rego denuncia que estas decisións non contaron con informes e estudos do impacto socioeconómico e ambiental necesarios e que foron tomadas en favor das grandes empresas eléctricas, asegurando que os polígonos saian adiante porque reservaron que 70% dos criterios para a instalación de eólicos nas augas, sexan de carácter económico.

“O Goberno toma a decisión de continuar co seu plan de hipotecar o futuro dun sector chave para a economía costeira galega: o noso sector pesqueiro e, por extensión, o noso sector mar-industria” alerta o deputado do BNG no Congreso. Un sector, o pesqueiro, que representa 5% do Produto Interior Bruto e que, após a aprobación mediante Real Decreto sobre a regulación da produción e explotación de eólica mariña, vense ameazas a redor de 65.000 postos de traballo na Galiza.

O BNG, continúa o deputado nacionalista, non vai contribuír nin ser parte desta decisión e contará coa súa oposición frontal: “na defensa do noso sector pesqueiro e dos nosos ecosistemas mariños” afirma Rego. A decisión contempla que 50% do total potencial de eólica mariña se instale na costa galega o que suporá “un castigo para o noso País e, sobre todo, para o noso sector pesqueiro”.

Ademais, critica Rego, o Goberno asegúrase que a instalación dos polígonos se produza porque no Real Decreto estabelece os criterios e o peso que terá cada un dos aspectos. “Os criterios económicos representarán 70%, deixando en 30% o resto de criterios como os ambientais ou doutro tipo. Hai unha intención de favorecer as grandes eléctricas e converter, tal e como din numerosos investigadores, o noso País nunha zona de sacrificio. Nós chamámolo converter á Galiza nunha zona colonial” denuncia o deputado do BNG.

O BNG, avanza Rego, demandará ao Goberno frear o concurso de eólica mariña para defender os intereses da nosa frota pesqueira galega e os nosos ecosistemas mariños. “O executivo debe rectificar e retirar os POEM, así como declarar a costa galega como zona excluída para a instalación de eólica mariña” finda.

Sen estudos pertinentes, excluíndo os profesionais

A decisión do executivo de continuar cos plans de implantar 50% do total da eólica mariña está sendo tomada sen contar coa información e os estudos precisos sobre o impacto socioeconómico e o impacto ambiental. De facto, Rego lembra que o BNG solicitou en reiteradas ocasións a paralización da tramitación da norma e a retirada dos POEM por considerar que, das experiencias existentes, os impactos sobre a pesca e sobre o medio mariño son evidentes.

“O propio IEO recoñeceu, a raíz dunha iniciativa do BNG, que non hai datos suficientes para posibilitar conclusións incontestábeis sobre a inocuidade destes polígonos industrias sobre os ecosistemas mariños. Agora, os expertos e expertas do IEO foron excluídos da Comisión de Avaliación dos proxectos do concurso” lamenta Rego.

Mais, por se fose pouco, o propio Informe sobre Enerxía Renovábel Mariña na UE, elaborado polo Tribunal de Contas Europeos recolle nas súas conclusións que as accións, tanto da Comisión Europea como dos Estados membros serviron de apoio a impulsar esta enerxía mais aínda supón un reto garantir a súa sustentabilidade social e ambiental.

“A ordenación do espazo mariño non resolveu os conflitos derivados da súa explotación e as repercusións socioeconómicas do desenvolvemento das renovábeis mariñas non se estudaron con suficiente profundidade e aínda teñen que resolverse numerosos aspectos ambientais” recolle tamén o informe.