BNG exixe ao Goberno galego “contundencia” para que Naturgy manteña os seus servizos en Galiza
Noa Presas reclama á Xunta que actúe ante o novo movemento deslocalizador da empresa, o do Centro de Operacións de Redes da Coruña
Advirte que non se pode consentir que a compañía faga caixa cos recursos naturais galegos mentres afonda no seu proceso de desmantelamento
BNG vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para exixir á Xunta que actúe “con contundencia” para que Naturgy manteña os seus servizos en Galiza, fronte ao desmantelamento progresivo que está a desenvolver esta compañía no país.
A portavoz nacionalista de Enerxía, Noa Presas, reclama ao Executivo galego que actúe fronte ao último paso dado neste sentido polo grupo empresarial coa súa intención de deslocalizar a Madrid o Centro de Operación de Redes da Coruña. “No medio da pandemia a empresa anunciaba ao cadro de persoal esta decisión coma un feito consumado”, afea, para a continuación recalcar que esta decisión “camuflada como ‘mera reorganización’ tería profundas consecuencias”.
Así, advertiu que este novo movemento da compañía non só suporía a destrución de arredor de 30 empregos, senón que tamén “acabaría ocasionando a perda dun coñecemento e experiencia asociados ao territorio e ás condicións e características do sistema eléctrico que son fundamentais para prestar un adecuado servizo”. Polo tanto, ao seu xuízo, “isto tradúcese na destrución de emprego e na futura perda de calidade do servizo”.
Presas subliña que Naturgy é unha das empresas máis importantes do sector enerxético en Galiza e, como tamén denunciou o BNG ante a situación de Iberdrola en Valdeorras, “asistimos unha vez máis ao feito de que en Galiza fica só a compoñente de explotación do territorio e non retorna valor engadido nin riqueza a través da xeración de emprego”.
A deputada nacionalista lembra que o grupo empresarial xa consumara en agosto de 2019 a rescisión do contrato coa empresa Teleperformance, na Coruña, que pasou de ter unha parte importante do servizo de atención ao cliente, así como unha importante carga de xestión de back office. De igual xeito, recorda que en outubro de 2020, Naturgy volveu reducir estes servizos, algo que, segundo sinalou, tampouco é novo, xa que en 2013 “levou fóra a comercializadora de mercado libre (UFC), coa perda de 103 postos de traballo, tamén na Coruña”. Un proceso de desmantelamento que afecta igualmente á cidade de Ourense, co caso de Unitono, cuxos servizos pasaron a ser prestados dende Reus ou mesmo Colombia.
A esta perda de servizos, Presas engade unha progresiva destrución de emprego a través da redución da rede de oficinas presenciais e tamén “un profundo proceso de descapitalización e abuso das subcontratas dos servizos asociados ás funcións técnicas e de mantemento”. Neste contexto, Presas critica a posición da Xunta pola súa “absoluta indiferenza” e a súa inacción, “sen impulsar unha soa medida alén de declaracións de solidariedade” e exemplifica a actitude do Executivo galego recordando que “ao mesmo tempo que Naturgy levaba do país o contrato de atención ao cliente recibía en novembro de 2019 a adxudicación dun contrato de máis de 170 millóns de euros para o fornecemento de enerxía da Xunta”.
Ante estes movementos empresariais, a deputada nacionalista advirte que “Galiza non pode aceptar esta situación, sendo estratéxica para o oligopolio enerxético”, segundo recalca, “máis aínda nun momento de crise económica agravada pola COVID19 e nun momento onde se está a desenvolver a denominada transición enerxética nunhas condicións que distan de ser xustas, negociadas e positivas para o país”.
Neste sentido, apunta que nun momento no que moitas das empresas eléctricas están a reorientar as súas tecnoloxías de produción e a obter novas cotas de mercado, por exemplo no ámbito eólico, “non é aceptable que os postos de traballo asociados non se manteñan en Galiza” polo que, conclúe, urxe a actuación da Administración para que non se deslocalicen máis servizos.