Congreso

O BNG exixe ao Goberno español convocar a Mesa Multilateral sobre Alcoa para buscar solucións que garantan a actividade e o emprego

Néstor Rego

“Sorprende que a pesar de coñecer a delicada situación pola que pasa Alcoa, o Ministerio de Industria non convocase desde 23 de xaneiro unha nova reunión para abordar as solucións que garantisen a continuidade da actividade en San Cibrao” subliñou Néstor Rego

Rego lembra que é necesaria unha Tarifa Eléctrica Galega que resarza a Galiza dos custos de produción e permita a viabilidade da industria asentada no noso país.

O deputado nacionalista manifestou que ante un posíbel anuncio de fechamento de Aluminio, e para evitar a catástrofe económica e social que tería en toda a comarca, o Goberno deberá apostar pola nacionalización da factoría.

O deputado nacionalista, Néstor Rego, ante a posibilidade de que se perdan máis de oitocentos postos de traballo na comarca da Mariña co fechamento da planta de Aluminio en San Cibrao, exixiu Ao Goberno español, concretamente ao Ministerio de Industria, Que convoque a Mesa Multilateral sobre Alcoa para abordar solucións que garantan a continuidade da actividade e dos postos de traballo en San Cibrao.

Rego lembra que a primeira e até agora única reunión da Mesa Multilateral sobre Alcoa, en que participan a empresa, representación dos traballadores e traballadoras e as distintas administracións tivo lugar en Lugo no pasado 23 de xaneiro.  “Sorprende que a pesar de coñecer a delicada situación pola que pasa Alcoa, o Ministerio de Industria non convocase unha nova reunión para abordar as solucións que garantisen a continuidade da actividade en San Cibrao” subliñou Rego.

O principal problema que ameaza a viabilidade da empresa, como xa ten advertido o BNG e como a propia dirección declarou en reiteradas ocasións, son os altos custos da enerxía eléctrica que resulta imprescindíbel para o funcionamento da planta de aluminio. Por iso Néstor Rego trasladou a proposta do BNG para a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega que resarza a Galiza dos custos de produción e permita a viabilidade da industria asentada no noso país. O deputado nacionalista explicou que “en Galiza somos exportadores de enerxía, soportamos os custos medioambientais desa produción, polo que sería de xustiza que, en compensación, o territorio galego puidese regular o seu proprio marco enerxético e que o custo fose menor para as súas industrias e consumidores en xeral”.

O deputado nacionalista recriminou ao goberno que nin sequera estea aínda operativo o Estatuto do Consumidor Electrointensivo como instrumento que, coas características adecuadas, puidese permitir que factorías como Alcoa San Cibrao poidan manter a súa actividade produtiva sen perdas económicas e así garantir o futuro da actividade e dos postos de traballo. “O peche desta planta suporía a perda de case un millar de postos de traballo entre empregos directos e das empresas auxiliares” explicou Rego.

En todo o caso, se a decisión da empresa de fechar a planta de Aluminio persistir, e para evitar a catástrofe económica e social que tería en toda a comarca, o BNG propón intervir esta industria para retornala ao ámbito público e así manter os postos de traballo que dependen dela e o futuro económico e social de toda a comarca da Mariña. “O Goberno deberá apostar pola nacionalización da factoría, que xa no seu día foi pública e que nunca debeu ser privatizada e así asegurar os postos de traballo e o futuro económico do principal motor económico da comarca” salientou o deputado Néstor Rego.