BNG exixe ao Goberno do PP reverter a declaración de Proxecto Industrial Estratéxico da mina de Touro–O Pino

Iria Carreira
A deputada Iria Carreira denuncia que o PP está antepoñendo o lucro de grandes empresas, á protección medioambiental do noso País, os nosos sectores produtivos e a saúde humana

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Iria Carreira, levou ao pleno do Parlamento a declaración da mina de Touro e O Pino como Proxecto Industrial Estratéxico por parte da Xunta de Galiza como unha nova tentativa de ataque medioambiental ao río Ulla, os seus afluentes e á ría de Arousa.

“O certo é que este non é un proxecto que resulte descoñecido” salientou Iria Carreira. Na mina de Touro extraeuse cobre ata 1986 e desde aquela o espazo vén sendo empregado para a obtención de áridos sen que se acadase neste tempo unha restauración e xestión adecuadas, “como veñen poñendo de manifesto sucesivos episodios de contaminación das augas circundantes, que acaban no río Ulla e na ría de Arousa, saldándose con sancións leves”.

A deputada sinalou que no ano 2018 “foi impulsado un proxecto, denominado Cobre San Rafael, para retomar a extracción de cobre, mais desatando unha forte oposición, tanto ecoloxista como veciñal”. Este proxecto recibiu unha declaración de impacto ambiental negativa por parte da Xunta de Galiza a comezos do ano 2020 sen que isto fixese desistir á empresa das súas aspiracións.

“Mais unha vez, a Xunta de Galiza gobernada polo Partido Popular pon por diante o desenvolvemento económico e o lucro dunha gran empresa en vez de garantir o respecto medioambiental e a protección dos sectores produtivos xa existentes e a poboación galega” apuntou.

Carreira sinalou que a ría de Arousa, “a ría máis produtiva do noso País”, da que viven directamente 4.000 familias a pesar do descenso de produtividade. “Unha ría que xa a día de hoxe presenta uns niveis de cobre sedimentado importantes, provenientes desta mina, 4.000 empregos só na ría, fronte aos case 400 que pretende crear a mina”.

“Nin por suposto mencionan á grande oposición veciñal e social que xa hai 6 anos se botou ás rúas para defender as súas vidas fronte ao espolio dunha gran empresa e que non pararon ata paralizar este proxecto”. Unha mobilización veciñal e social que segue protestando e que mostra a súa firme oposición á reapertura da mina de Touro e O Pino.

O río Ulla e a ría da Arousa, “cuns niveis de contaminación actuais xa preocupantes e co futuro ameazado polo proxecto de Altri en Palas de Rei, deitando 30.000 litros diarios de auga a 27ºC despois de atravesar todo o proceso químico industrial, ten agora diante de si un novo ataque á súa saúde, á súa diversidade e, en definitiva, a todos os seus ecosistemas fluviais e mariños, co beneplácito, unha vez máis, do Partido Popular desde a Xunta de Galiza” destacou Iria Carreira.

O BNG instou ao goberno do PP reverter a declaración de Proxecto Industrial Estratéxico da mina de Touro–O Pino, antepoñendo a protección medioambiental do noso País, os nosos sectores produtivos e a saúde humana ao lucro de grandes empresas.