congreso

BNG exixe ao Goberno do Estado iniciar a rexeneración da Ría de Ferrol

Encontro Ferrol

Néstor Rego reúnese coas Confrarías de Barallobre e Ferrol para abordar a situación das mariscadoras e mariscadores e reclama realizar na maior brevidade posíbel o estudo para analizar as actuacións idóneas para o restabelecemento da ría de Ferrol, dando prioridade á retirada dos lodos que cobren os bancos marisqueiros.  

O BNG insiste na necesidade de acompañar este proceso de recuperación de medidas de protección económica e social para o sector marisqueiro que actualmente se atopa nunha situación de risco e obtendo uns ingresos que apenas lles permite sobrevivir.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou comezar coa rexeneración da Ría de Ferrol e exixiu ao Goberno do Estado o estudo comprometido polo Goberno que ía realizar o Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX). Rego visitou a comarca de Ferrol, onde mantivo unha xuntanza co patrón maio de Barallobre Fene, Jorge López, e a patroa maior de Ferrol, Isabel Maroño, e deu a coñecer esta iniciativa acompañado do deputado no Parlamento de Galiza, Ramón Fernández, e a responsábel comarcal, Mercedes Tobío.

O Goberno español, nunha resposta ao Bloque Nacionalista Galego, ven de recoñecer que non existe aínda ningún encargo para realizar o estudo sobre as actuacións a desenvolver para eliminar os sedimentos nos fondos da Ría de Ferrol. Debe lembrarse que a Subdelegada do Goberno na Galiza anunciara xa no ano 2018 o compromiso de facer ese estudo e que sería o CEDEX quen ía realizalo, pero agora ese mesmo goberno di non ter iniciado ningún trámite do mesmo. A formación nacionalista criticou a inacción do Goberno do Estado que despois de anunciar e prometer que comezaría as actuacións, aínda non deu sequera os pasos necesarios para realizar o necesario estudo ambiental, e fai caso omiso da grave situación na que se atopa o sector marisqueiro da Ría de Ferrol. Tamén lamenta que a emenda que o BNG presento aos Orzamentos Xerais do Estado para dotar cunha partida de un millón de euros a realización do estudo e o inicio da limpeza dos fondos fora rexeitada polas deputadas e deputados do PSOE e de Unidas Podemos.

Na actualidade, as tres Confrarías da Ría de Ferrol ven en grave risco a súa viabilidade xa que a meirande parte de mariscadores e mariscadoras atópanse nunha situación de baixa de forma prolongada e os que seguen en activo non teñen beneficios, pois o pouco que gañan só chega para cubrir as cotas a Seguranza Social.

Entre as principais causas da degradación da calidade medioambiental da ría e dos bancos marisqueiros atópanse os vertidos que durante anos se fixeron sen control, de forma que “a depuración das augas residuais mellora a calidade das augas pero non sirve para a recuperación dos bancos marisqueiros sepultados polos lodos” destacou Rego durante a visita.

“Os mariscadores e mariscadoras non poden seguir esperando por unha actuación que nunca chega e precisan solucións de maneira urxente: está en xogo o seu medio de vida” enfatizou o deputado nacionalista. Neste sentido, a formación nacionalista indicou que é necesario “adoptar medidas de maneira inmediata. O Goberno debe actuar e debe facelo en colaboración co sector, contando coa experiencia e os técnicos da Consellaría e da Estación de Bioloxía Mariña da Graña”.

Rego, durante a súa visita a comarca de Ferrolterra e a Confraría de Barallobre, trasladou as iniciativas presentada polo BNG no Congreso instando a que se realice o estudo comprometido polo Goberno español, que anunciara ía ser realizado polo CEDEX, dependente do Ministerio de Transporte, para “analizar cales son as actuación idóneas para conseguir a rexeneración da Ría de Ferrol”. 

Así mesmo, o deputado nacionalista sinalou que debera “darse prioridade a retirada dos lodos que cobren os bancos marisqueiros” e que, mentres se realicen as tarefas de limpeza, se estabeleceran medidas de protección económica e social para o sector marisqueiro que actualmente se atopa nunha situación de risco e obtendo uns ingresos que apenas lles permite sobrevivir.