BNG exixe ao Goberno do Estado apoiar o proxecto para a mellora do saneamento no Concello da Bola
Néstor Rego demanda á Confederación Hidrográfica Miño-Sil que explique os motivos polos que rexeitou colaborar na construción dunha depuradora na Bola.
“A actuación para o saneamento das augas debe ser unha das prioridades políticas e, en consecuencia, deberíase facilitar o desenvolvemento o proxecto” destaca
O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno do Estado actuacións urxentes para o saneamento no Concello da Bola e facilitar o desenvolvemento das obras para construír unha depuradora que sirva para mellorar a calidade das augas e reducir a contaminación. Demanda información após coñeceren que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil rexeitou o proxecto remitido pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galiza e se se realizou o estudo de valoración do proxecto e os resultados do mesmo.
En outubro de 2021 publicábase en distintos medios de comunicación a información sobre a remisión por parte da Consellería de Medio Ambiente e Mobilidade da Xunta de Galiza á Confederación Hidrográfica Miño-Sil dun convenio de colaboración por valor de 720.000 euros. Dito convenio tiña como fin o financiamento e execución das obras necesarias para a instalación dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) e a mellora dos colectores de saneamento en varios núcleos do Concello da Bola.
A Confederación Hidrográfica confirmou recibir o proxecto e dixo estar analizando a dispoñibilidade orzamentaria. No convenio a Consellería propuña un cofinanciamento de forma que a CHMS xunto con Augas de Galiza asumirían, a partes iguais, 80% do orzamento e 20% restante- 143.957,81 euros- asumiríao o Concello da Bola. Este proxecto estipulaba a renovación dos colectores, a conexión ao colector daqueles que na actualidade non o están e a construción dunha nova depuradora na zona da Ponte de Barbón.
“O Concello leva moitos anos con problemas en materia de saneamento de augas, chegándose a ter que prohibir o baño no espazo fluvial da Ponte Barbón no río Ourille con carácter permanente” denuncia o deputado do BNG. Rego explica que isto afecta tamén a subministración de auga á poboación. “Por parte da Consellería destacábase que o convenio estaba xa case pechado e que permitiría a licitación e execución do proxecto nas anualidades de 2022 e 2023” lembra.
Con todo, uns meses despois deste anuncio, a Confederación Hidrográfica Miño Sil comunicou a súa negativa para participar neste proxecto, sen que se coñezan as causas e circunstancias que rodean esta decisión. “Queremos saber se a Confederación realizou un estudo de valoración, así como o resultado do mesmo, para entender o criterio que seguiu a entidade para rexeitar a posta en marcha deste proxecto e se existen motivos de carácter económico ou supón un veto ao proxecto en si” apunta Rego.
“A actuación para o saneamento das augas debe ser unha das prioridades políticas e, en consecuencia, deberíase facilitar o desenvolvemento o proxecto sobre a mellora da depuración de augas no Concello da Bola. Isto servirá para mellorar a calidade das augas e reducir a contaminación” conclúe o deputado do BNG no Congreso.