BNG exixe ao Goberno do Estado acometer a conexión ferroviaria do Eixo Atlántico con Portugal
Comisión Europea e Goberno luso apostan pola infraestrutura, estratéxica para a Galiza, mentres o MITMA continúa retrasando a licitación da saída sur de Vigo, salienta o deputado do BNG
Néstor Rego demanda concretar un calendario que permita completar as obras que corresponden ao executivo estatal no menor tempo posíbel
O Bloque Nacionalista Galego urxe o Goberno do Estado a actuar para completar, no menor tempo posíbel, a conexión ferroviaria do Eixo Atlántico con Portugal. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, entende que o executivo estatal debe destinar todos os esforzos posíbeis, tal e como está a facer o goberno portugués, para finalizar as obras comprometidas que corresponden ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e subliña que a Comisión Europea acaba de incluír a liña A Coruña-Lisboa como unha das liñas transfronteirizas prioritarias .
“Parece evidente que o Goberno do Estado dá as costas a unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento social e económico da Galiza, materializada agora no retraso da licitación do novo estudo para a saída sur de Vigo, polo que o BNG continúa a traballar para acabar coa discriminación histórica que sofre o noso País” sinala o deputado do BNG no Congreso.
Agora, a todos os argumentos empregados pola frente nacionalista sobre a urxencia de acometer as obras de conexión do Eixo Atlántico, súmase a decisión da Comisión Europea de incluír a conexión ferroviaria entre A Coruña e Lisboa entre as dez liñas ferroviarias transfronteirizas que apoiará. “Até o propio Primeiro Ministro da República portuguesa estabeleceu como prioritaria esta conexión e afirmou que as obras que corresponden ao goberno luso finalizarán antes de 2030” incide o deputado.
Mesmo, enfatiza Rego, a propia Comisión Europea incluíu á Galiza no mapa dos servizos ferroviarios diúrnos e nocturnos. “Un elemento máis que pon de manifesto aa actitude do Goberno do Estado que continúa a discriminar o noso País en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias” afirma.
“As decisións adoptadas pola Comisión a respecto da conexión do Eixo Atlántico fai imprescindíbel que o Goberno concrete as actuacións que realizará para conseguilo no menor tempo posíbel. Mais, con todo, segue sen dar os pasos necesarios nesa dirección” subliña o deputado nacionalista. Así, na actualidade as previsións do Goberno portugués son que as obras que lles corresponden terminarán entre 2028 e 2030 en canto as que corresponden ao Goberno do Estado español para completar un tramo de 35 km continúan sen data clara, mais a Ministra declarou recentemente en Vigo que estarían “sen problema asntes de 2040”.
Para o deputado do BNG isto é inaceptábel. Neste sentido, Rego exixe, ademais de compromiso, estabelecer un calendario e as actuacións necesarias para completar as obras desta infraestrutura no menor tempo posíbel.