BNG exixe ao Goberno “contundencia” frente a Israel e a ruptura de relacións diplomáticas por crimes humanitarios
Néstor Rego e Carme Da Silva presentaron iniciativas para exixir ao Goberno que “pase das palabras aos feitos” e deixe as posicións “equidistantes” con Israel: embargo de armas total, suspensión de relacións diplomáticas e que promova sancións a Israel por vulnerar a Convención de Xenebra e a legalidade internacional de dereitos humanos
“A matanza de civís palestinos cando recibían axuda humanitaria é intolerábel”
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora do BNG por Galiza, Carme Da Silva, presentaron iniciativas nas Cortes para exixir ao Goberno do Estado “contundencia” frente a Israel e a ruptura de relacións diplomáticas co Estado sionista tras a matanza indiscriminada de máis de cen civís palestinos e centos de feridos o xoves cando estaban a recibir axuda humanitaria.
Consideran que o Executivo debe pasar “das palabras aos feitos” e deixar as posicións declaratorias e “equidistantes” con Israel para pasar á adopción de medidas firmes. “O BNG leva meses denunciando o xenocidio de Palestina e o incumprimento por parte de Israel da normativa internacional en dereitos humanos, protección da poboación civil, axuda humanitaria e a utilización de armamento prohibido contra civís. Está claro o obxectivo de Israel de non parar até lograr arrasar por completo coa Franxa de Gaza para continuar coa súa política de colonización e ocupación dos territorios palestinos”.
“Disparar contra civís mentres eran atendidos humanitariamente nun contexto de fame e pasar por riba deles con vehículos militares é a demostración de crimes de lesa humanidade que debe sancionarse, condenarse, investigarse e denunciarse ante a Corte Penal Internacional”, que debe facer reaccionar ao Goberno español, á UE e á Comunidade Internacional para obrigar a Israel ao alto o fogo.
As accións criminais de Israel non teñen consecuencias. Deben adoptarse medidas.
Critican que o Estado español seguise a vender armas a Israel e compralas en novembro pasado e demándanlle que practique o embargo total de armas porque vai en contra da propia lexislación da UE que exixe que o país que recibe o armamento respecte os dereitos humanos e o dereito internacional humanitario. “Hai razóns fundadas para o embargo de armas a Israel e razóns fundadas para romper toda relación cun Estado criminal e xenocida que vulnera o artigo 51 do Convenio de Xenebra que prohibe os ataques indiscriminados sobre a poboación civil. Ademais de incitar ao xenocidio que é un delito”. Por iso, sinalan, “debería analizarse o posíbel apoio a Sudáfrica na demanda contra Israel ante a Corte Penal Internacional por xenocidio na Franxa de Gaza”.
O BNG insta ao Goberno a promover na UE a suspensión do Acordo de Asociación UE-Israel en base a motivos humanos que se recolle no propio Acordo.
Para o BNG a situación en Gaza “é insostíbel con máis menores asasinados en meses que nas zonas en conflito desde 2019. Nenos e nenas que morren de fame, 50.000 mulleres embarazadas sen asistencia sanitaria e moitas enfrontando cesáreas sen anestesia. Máis de 30.000 civís, máis de cen xornalistas e membros de Nacións Unidas asasinados e unha poboación rodeada de miseria, pragas, doenzas e sen acceso aos fornecementos básicos.
“Vai o Goberno continuar relacionándose cun Estado criminal? Paralizou de todo o comercio de armas con Israel? Comprométese a manter os fondos para a UNRWA a fin de garantir a axuda humanitaria? Vai incrementar os fondos á axuda á Gaza e solicitar o mesmo na UE? Que está a facer para a Declaración do Estado palestino? Que actuacións vai emprender frente ao xenocidio se Israel sobre a poboación palestina?”, son algunhas das cuestións que dirixen ao Executivo.