BNG exixe ao Estado rexeitar o convenio das Xubias: “afecta á implantación dos cercanías e á fachada marítima”
Néstor Rego sinala a necesidade de manter en funcionamento esta infraestrutura, fundamental para a implantación do servizo de cercanías
“Que posición ten o Goberno diante desta proposta en relación á infraestrutura ferroviaria? Vaina rexeitar?” pregunta o deputado do BNG no Congreso
O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas despois de coñecer o convenio asinado polo Concello da Coruña co fondo de investimento Ginko para a urbanización das Xubias. A organización nacionalista alerta que, levar a cabo estas actuacións, pode supor un problema para o funcionamento da liña ferroviaria e para a implantación do servizo de cercanías na área metropolitana. Neste sentido, Rego exixe ao Goberno do Estado unha posición clara en contra deste convenio urbanístico e rexeitalo.
O Convenio urbanístico mixto asinado polo goberno local da Coruña coa entidade Castro de Oza S.L. -participada polo fondo de investimento suízo Ginkgo- ten por obxectivo a planificación e a execución urbanística para a renovación urbana do espazo litoral dos Polígonos RB1, RB2 e RB3 e dous núcleos das Xubias de Arriba e de Abaixo da Ría do Burgo. Dito documento atópase actualmente en fase de información pública e está a xerar moito malestar a nivel político e social, especialmente entre a veciñanza de Oza-Os Castros. Esta veciñanza presentou alegacións ao convenio para que se reduza a edificabilidade na zona e protexer o medio.
“Este convenio pon en cuestións as prometidas vivendas accesíbeis nas Xubias e compromete o eixo ferroviario A Coruña-Ferrol coa idea de convertelo nun paseo verde peonil” sinala o deputado do BNG no Congreso lembrando as denuncias do grupo municipal do BNG no Concello. De facto, o BNG tamén presentou alegacións para que se leve a cabo a modificación puntual do PXOM para a área das Xubias na liña do que se aprobara en 2022.
Preocupa non só, explica Rego, a especulación urbanística que se poida derivar de seguir adiante con este Convenio, “senón tamén a rebaixa dos obxectivos de sustentabilidade ao reducir a protección medioambiental da fachada marítima ao incrementar a urbanización, así como a intención de desafectar de uso ferroviario a infraestrutura do eixo ferroviario A Coruña-Ferrol para que sexa un paso peonil. “Isto pon en risco a implantación do servizo ferroviario de proximidade na área metropolitana da Coruña, ambos compromisos -a modernización ferroviaria e a implantación das cercanías- conseguidos no BNG no Acordo de Investidura do BNG” subliña.
“É preciso que se dea toda a información para asegurar que non exista un conflito de intereses ou incompatibilidades no seu labor” subliña Rego a respecto das información fornecidas sobre a posíbel relación da actual directora técnico do Plan Estratéxico para A Coruña 2030-2050 co fondo inversor Ginkgo, entidade para a que exerceu como representante nalgúns eventos.