O BNG exise a comparecencia de Feijóo ante a denuncia da Fiscalía contra dous altos cargos da Xunta
O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera afirma que a denuncia formulada pola Fiscalía por homicidio imprudente a dous altos cargos da Xunta e outro por prevaricación por retrasar as peticións e subministro dos fármacos contra a Hepatite C, por razóns presupostarias, esixe a urxente comparecencia do Presidente da Xunta
O portavoz parlamentario, Francisco Jorquera anunciou hoxe que o BNG pedirá a comparecencia urxente do Presidente Núñez Feijóo no vindeiro pleno, trala denuncia da Fiscalía por un delito de homicidio imprudente e outro por prevaricación contra dous altos cargos da Xunta por retrasar os fármacos da Hepatite C por razóns presupostarias.
O portavoz nacionalista anunciou que o BNG solicitará a comparecencia urxente no vindeiro pleno e imos, dixo, interpelar a Feijoo sobre esta cuestión porque ten que dar explicacións das súas políticas, políticas, recalcou , que por desgraza, teñen estas consecuencias.
Ante os medios de comunicación, Jorquera afirmou que os procedementos foron incumpridos por razóns orzamentarias que tiveron como consecuencia non atender a persoas que necesitaban con urxencia ese fármaco e nalgúns casos con "resultado de morte".
Para o portavoz do grupo parlametario do BNG, Feijóo, en vez de presumir de ser o campión do cumprimento dos obxectivos do déficit, o que debería priorizar son as necesidades sociais e non deixar as persoas gravemente enfermas na indefensión absoluta pola súa obsesión por priorizar os ditados do Goberno central a respecto do déficit.