BNG evidencia na súa campaña do 25N a dramática realidade dos datos fronte ás mentiras do negacionismo machista
Pontón: “Dúas mulleres asasinadas, 472 sentenzas condenatorias, 3.454 denuncias e 972 ordes de protección. Esta é a realidade das cifras”
Critica ao PP que na vez de condenar e combater o negacionismo da estrema dereita coa que goberna, se aliñe con ela e a branquee
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou en Santiago a campaña do BNG para este 25N, unha campaña que, fronte aos que practican o negacionismo da violencia machista, evidencia a realidade dos datos, “a dura e terrible realidade dunhas cifras que reflicten o sufrimento de miles de mulleres en Galiza”.
Pontón recordou para “quen pretende impoñer a mentira ou o silencio” unhas estatísticas que recollen o asasinato de dúas mulleres (Beatriz Lijó e Ana Vanessa Serén) en Galiza no que vai de ano, á espera das conclusións da investigación sobre a muller que apareceu asasinada onte no Porriño sobre as que, dixo, o BNG vai estar moi pendente dado que algúns medios apuntan a un novo caso de violencia machista.
A estes feminicidios sumou as 472 sentenzas condenatorias, 972 ordes de afastamento e medidas de protección e seguridade das vítimas e 3.454 denuncias por violencia machista que reflicten as cifras oficiais só no primeiro semestre de 2023.
Nesta liña advertiu que os últimos datos do Viogén eleva a 37.671 vítimas de violencia machista nos últimos 15 anos -dende que se creou o programa- e iso que non cobre a totalidade do territorio. “Estamos a falar de case toda a poboación de Vilagarcía e non podemos deixar de preguntarnos que pasaría, se a reacción social sería a mesma, se hoxe estivésemos falando de que toda a poboación dun concello galego tivera que estar vixiada por ameazas”, reflexionou.
Nun acto no que estivo acompañada pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e pola responsable da área de Acción Feminista, Noa Presas, a líder nacionalista mostrou a preocupación do BNG polo feito de que, ante a realidade incontestable dos datos, se estea cuestionando a existencia mesma da violencia machista por parte da “estrema dereita coa que goberna o PP que, lonxe de condenar e combater ese negacionismo, o que fai é aliñarse e branquear a esa estrema dereita machista”.
Por iso, o Bloque aposta por unha campaña que contrapón “a realidade fronte á mentira”, explicou, na que se denuncia incluso visualmente como os feminicidios son a punta do iceberg dunha violencia brutal e transversal que afecta a todas as capas sociais e está presente en todos os ámbitos da sociedade. “Fronte ao negacionismo machista, a realidade dos datos, porque detrás de cada número hai unha muller coa vida rota á que se lle nega o seu dereito a ser libre e igual”, recalcou.
Pontón advertiu que “de nada serven os lazos lilas na solapa ou as declaracións de intencións se non se acompañan de feitos”, de medidas concretas e máis recursos para loitar contra a violencia machista porque, segundo reflexionou, pese aos avances neste ámbito de actuación aínda é insuficiente a resposta que se facilita ás vítimas.
Logo de lembrar que os grandes avances en Galiza, como a primeira lei contra a violencia machista ou o recoñecemento da violencia vicaria, foron impulsados polo BNG, a líder nacionalista enumerou algunhas das propostas que porá en marcha se obtén a confianza das galegas e dos galegos para ser a presidenta do goberno do cambio.
Propostas BNG
Entre elas, destinar o 1% do orzamento da Xunta a loitar contra a violencia machista; incrementar a contía das axudas ás vítimas, conxeladas dende 2018, e a súa actualización conforme ao IPC ou reforzar os mecanismos de protección, como a rede de Centros de Información á Muller (CIM).
A isto sumou a recuperación da materia de Igualdade que o PP eliminou do ensino secundario “porque a educación é clave” para avanzar nunha sociedade igualitaria; axilizar a resposta da Xustiza aumentando a formación e os recursos, como os cinco novos xulgados de xénero que recolle o acordo de investidura logrado polo BNG; e a posta en marcha dun plan integral contra a violencia machista.
Pola súa banda, Goretti Sanmartín, advertiu da necesidade de reparar, non só nas cifras máis elocuentes, as dos feminicidios, senón tamén sobre todas aquelas que dan conta dos diferentes tipos de violencia que sofren as mulleres, dende a psicolóxica e física, á agresión ou o acoso, especialmente preocupante agora entre a xente nova e no ámbito das redes sociais.
“Como está presente esa violencia soterrada que as mulleres continúan a padecer día a día”, afondou para focalizar a continuación na necesidade, nun momento de involución e negacionismo, de “estar máis atentas que nunca” á hora de garantir que non se retroceda e que os dereitos das mulleres se manteñan. Neste sentido, reafirmou o compromiso dos concellos do BNG, que traballan para ser “faros da igualdade, da non discriminación e do combate contra a violencia machista”.
De igual xeito, Noa Presas comprometeu o “traballo autoesixente” do en todas as institucións apelando a que se tomen medidas concretas e que o 25N “non se converta simplemente nunha cerimonia ritual, senón que nos cuestionemos que se está a facer ben, en que cuestións se está a fallar e tomemos medidas e propostas concretas”. Por último, Presas chamou á participación neste 25N onde xa hai convocadas máis de 25 mobilizacións por todo o País.