parlamento galego

BNG evidencia a mala xestión económica do Sergas en favor das mutuas das empresas

Ramón Fernández Alfonzo

O portavoz de emprego, Ramón Fernández Alfonzo, denuncia a práctica das mutuas de derivar as persoas traballadoras á Seguridade Social

O portavoz de Emprego, Comercio e Emigración, Ramón Fernández Alfonzo, quixo traer á Comisión 3ª do Parlamento a preocupación do BNG pola xestión económica do Sergas “en favor das mutuas das empresas”.

Para o deputado nacionalista, a práctica das mutuas de derivar as persoas traballadoras á Seguridade Social significa, “non só un sobre custo á Xunta e á saúde pública”, tanto na asistencia prestada como  nas reclamacións xudiciais para conseguir que a doenza sexa considerada laboral, senón tamén “unha carga para as persoas traballadoras que moitas veces teñen que asumir ir a xuízo para defender os seus dereitos”.

Lembrou que a acción protectora do noso sistema de previsión social distingue entre as continxencias profesionais e as comúns, reservando para as Mutuas colaboradoras da Seguridade social tanto a xestión das prestacións como a asistencia sanitaria derivada das continxencias profesionais.

Fernández Alfonzo quixo poñer de relevo que “son os servizos médicos das mutuas quen determinan se a doenza é de orixe laboral ou non. Se na mutua consideran que si, significa que “lle dan para adiante” tanto á prestación económica como á asistencia sanitaria. “Son, cando menos neste primeiro momento, xuíz e parte”, advertiu.

Cando consideran que a doenza non é de orixe laboral, será a persoa traballadora a que deberá interpoñer unha reclamación contra a mutua e contra a empresa. O que “resulta un factor inhibidor, facendo que en moitas ocasións a persoa traballadora se dirixa ao Sergas e non presente reclamación ningunha.”

Amosouse sorprendido de que “menos do un por cento dos procedementos está relacionado con patoloxías de saúde mental das traballadoras e traballadores, é dicir, menos do un por cento inicia trámites para o recoñecemento como doenza laboral”.

Este tipo de doenzas psicosociais son moi conflitivas á hora de que as mutuas dean baixas e ”as  persoas vense obrigadas a asistir á xustiza para determinar que ten orixe laboral.  Por este motivo, Fernández Alfonzo manifestou a necesidade dun “maior control  das avaliacións de riscos das empresas por parte dos organismos da Consellería  de Traballo,  pero tamén polos inspectores médicos do Sergas”. “Antes facíano, e a partir dun determinado momento, abandonaron esa proactividade á hora de promover de oficio esta determinación de continxencias”. Pediu que “e retome e se impulse esa práctica porque “a xente atopaba certo amparo ao ter a presenza de persoal médico, mentres que agora se encontran cun trámite puramente administrativo”.

A día de hoxe “a resolución destas reclamacións de cambios de continxencias están a demorarse bastante tempo en función da provincia na que nos atopemos. Na provincia da Coruña, por exemplo, poden chegar a demorarse 1 ano. E nun ano poden pasar moitas cousas”.

Manifestou que “unha persoa traballadora pode estar recibindo asistencia sanitaria por parte do Sergas durante un ano, e despois se determine que era unha patoloxía laboral que non lle correspondía ao Sergas”, co conseguinte “custo que isto ten para o noso sistema público de saúde”, rematou.