BNG estabelece como prioritaria a conexión ferroviaria da Galiza con Portugal nos Orzamentos para 2023
Néstor Rego aposta pola implantación dos servizos de cercanías ferroviarias na área de influencia de Vigo, igual que no resto do País: “non se entende que, habendo masa crítica suficiente, o Goberno se negue. É cuestión de vontade política”
A mellora dos servizos e o aumento dos investimentos en materia de infraestruturas e servizos serán eixos fundamentais no traballo que o BNG desenvolverá nestes Orzamentos
O portavoz municipal no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas, asegura que “as viguesas e os vigueses estamos fartas de promesas e datas que non se cumpren co desenvolvemento irrenunciábel da Saída Sur”
O Bloque Nacionalista Galego cualifica como “insuficientes” os orzamentos presentados polo executivo e sinala o estancamento do investimento na Galiza, en contraposición a suba do resto de territorios do Estado. A organización nacionalista aspira a mellorar o investimento para a Galiza e rematar co déficit histórico en materia de servizos e infraestruturas e servizos, sobre todo en materia ferroviaria coa implantación dos cercanías e a conexión da Galiza con Portugal a través da alta velocidade.
Para o deputado nacionalista, nun contexto onde o orzamento o Goberno do Estado aumenta o investimento territorializado nunha media de media 2.84%, para a Galiza o investimento estáncase. Rego entende que é insuficiente e mesmo reclama xustiza para o País co obxectivo de superar o déficit histórico que sofre en materia de infraestruturas e servizos, sobre todo ferroviarios, así como atallar a grave crise industrial que arrastra o País.
Neste sentido, o deputado do BNG comprométese a traballar e introducir partidas no proxecto de orzamentos para a conexión no Eixo Atlántico con Portugal -inexistentes no documento presentado polo executivo-, unha obra estratéxica para o desenvolvemento social e económico da Galiza. “O tramo que falta por completar -por parte do Estado español- é tan só de 15 quilómetros” explica Rego.
“Hai unhas semanas, o propio Primeiro Ministro da República de Portugal presentaba a actuación que vai desenvolver para a conexión Lisboa-Porto-Vigo en alta velocidade. O Goberno do Estado só debe completar esa actuación no territorio galego a través da saída sur de Vigo” reivindica.
De por parte, o portavoz municipal do BNG no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou as declaracións realizadas pola Secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, a respeito do desenvolvemento da Saída Sur. “As viguesas e os vigueses estamos fartas de promesas e datas que non se cumpren. Que a señora Pardo de Vera diga que é realista o horizonte do ano 2030 para a Saída Sur cando o vindeiro ano non van a dedicar practicamente nada nos orzamentos é unha tomadura de pelo”.
Igrexas remarcou a “importancia estratéxica e o carácter irrenunciábel” da conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto, para completar o Eixo Atlántico e como “condición de posibilidade para que a área de Vigo sexa o motor que lidere a Eurorrexión Galiza- Norte de Portugal”. Polo que esixiu do Goberno español “menos declaracións, menos promesas, e máis Boletín Oficial do Estado”.
Cercanías para a área de influencia da cidade de Vigo
Alén do máis, Rego sinala que non existen partidas orzamentarias para a implantación do servizo de cercanías ferroviarias na Galiza. Pola contra, o Ministerio de Mobilidade contemplan actuacións noutros puntos do Estado: Madrid, Castela e León, Murcia e Andalucía.
“A rexión urbana de Vigo, por exemplo, chega a 750.000 habitantes entre Tui e Pontevedra, máis, se incluímos Vilagarcía e toda a comarca do Salnés. Mentres esta área de influencia carece deste servizo, outras con menor densidade de poboación posúen cercanías” denuncia o deputado do BNG no Congreso. “Non entendemos a negativa por parte do Goberno de implantar o servizo ferroviario de proximidade. Existe masa crítica para ofrecelo, é cuestión de vontade política” destaca.
Mesmo o deputado nacionalista lembrou que hai uns meses, o BNG interpelou a Ministra de Mobilidade exixindo a implantación deste servizo no País. Nesta pregunta, Raquel Sánchez non soubo explicar a razón pola que a Galiza carece dese servizo. “O único que foi capaz de dicir é que había servizo de Media Distancia que facían a mesma función. Sabemos que é radicalmente falso porque o servizo de cercanías exixen traxectos específicos, maiores frecuencias e prezos máis baixos e fixos” salienta Rego.
Neste sentido, Igrexas urxiu unha “rectificación inmediata” por parte do Miteco que permita comezar a despregar unha rede de tren de proximidade que vertebre a realidade metropolitana de Vigo, até Pontevedra-Vilagarcía polo norte e até Tui polo sur. “Que a área metropolitana de Vigo sexa unha realidade efectiva pasa, entre outras cuestións, por dotala dunha conexión ferroviaria de cercanías”, advertiu.
O concelleiro do BNG de Vigo lembrou que a fronte nacionalista leva moito tempo a reclamar ese compromiso, mesmo a través de mocións municipais que foron “vetadas” polo PSOE, e afeou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, desista de defender os intereses da cidade nesta materia e se pregue, por partidismo, diante do abandono do seu goberno en Madrid.