BNG esíxelle á Xunta do PP que aclare cando se van realizar as obras de ampliación e mellora do centro de saúde de Meira
A viceportavoz primeira, Olalla Rodil, preguntou este xoves no Parlamento polas obras de ampliación e mellora do centro de Saúde de Meira, unhas instalacións que funcionan ademais como Punto de Atención Continuada (PAC) para seis concellos da comarca. Ademais de veciñanza de Meira, recolle xente da Ribeira de Piquín, A Pontenova, Riotorto, a Pastoriza e Pol. Concellos que xa de por si “padecen déficit de persoal”.
“Goberno do PP asegurou que “en 2021 se estaba tramitando a licitación do proxecto e mesmo se se ían executar nese mesmo ano, cunha partida orzamentaria de 330.000 euros”. A deputada recriminoulle ao Executivo de Rueda que “non fixesen nada e que”, un ano despois, “volvesen anunciar o mesmo”, e coa mesma partida de cartos.
No proxecto recollíase a intención de reformar e ampliar o centro de saúde e o PAC de Meira, e unha das prioridades era a de “habilitar máis consultas, acondicionar, mellorar e reformar as xa existentes, crear un novo espazo de enfermería para pediatría, ademais dunha sala de toma de mostras e outra para a realización de probas complementarias, citoloxías, etc”. Tamén se contemplaba no proxecto unha sala polivalente.
Rodil criticou que “o conselleiro fose anunciar o xa anunciado, máis nunca executado, proxecto de reforma e ampliación do centro durante as eleccións de maio de 2023” e que, a día de hoxe “non se moveu unha pedra e o escaso persoal e os pacientes continúan pasando consulta no mesmo sitio”.
Durante a súa intervención na comisión 5ª, a deputada nacionalista preguntoulle ao PP se lles parecía “aceptable que leven tres anos enganando a xente de Meira pero tamén da Ribeira de Piquín, da Pastoriza, Riotorto, da Pontenova e de Pol”, cando din que “van facer o que non están facendo”.
Reclamoulle “que lles pidan desculpas” ás veciñas e veciños destes concellos e ao persoal que traballa no centro de saúde e no PAC “por levarlles mentindo e enganando durante tres anos”. Tamén quixo saber se se van facer ou non as obras porque “despois de todo o que levamos vivido, a súa palabra ten pouca ou ningunha credibilidade”.
Rodil relatou a situación que padece a Ribeira de Piquín, que, “no mellor dos casos, ten médico dous ou tres días á semana” e que “xa padecen as consecuencias de ter que desprazarse bastantes quilómetros para ser atendidos de urxencia”.
Considera as obras moi necesarias porque o centro data do ano 85 e insistiu en saber “o prazo temporal para que inicien ditas obras e reiterou que “o mínimo que que podería facer a Xunta to PP, despois de ter tres anos a todo o mundo dicíndolles que se estaban facendo unhas obras que non se fixeron, é que vaian a Meira e os concellos da zona e pidan desculpas”. “No que directamente dependa de vostedes, traballen con axilidade porque xa levamos moito tempo perdido”, concluíu.