parlamento galego

BNG esíxelle á Xunta diálogo cos concellos para evitar que a veciñanza e as facendas locais paguen a mala xestión de Sogama

Luis Bara. Sogama

Os alcaldes e alcaldesas do Bloque critican que a mesma Xunta que presume de baixar impostos impoña un ‘taxazo’ do 30 % que obrigará a subir o recibo do lixo

Luís Bará propón un pacto de País para ir progresivamente cara un modelo de xestión de residuos que aposte pola proximidade e a compostaxe

O viceportavoz do BNG no Parlamento, Luís Bará, acusou este venres á Xunta do PP e a Sogama de impoñer unilateralmente un “taxazo” do 30 % polo tratamento dos residuos municipais co que pretenden, denunciou, que concellos e veciñanza paguen pola súa “mala xestión” e o fracaso no modelo de xestión do lixo.  Bará reclamou á Xunta que “recapacite” e sente a negociar cos representantes municipais para paralizar a “tentativa de taxazo”, e propuxo ademais un “pacto de país” para avanzar progresivamente cara outro modelo na xestión dos residuos.

O viceportavoz do BNG, acompañado da deputada Noa Presas e o deputado Óscar Insua, reuniuse no Parlamento con representantes dos concellos nacionalistas na Federación Galega de Municipios e Provincias para abordar o impacto que terá a anunciada subida do canon de Sogama que, segundo denunciou Bará, ten que ver co fracaso de Sogama e a súa escalada “cara unha especie de abismo”, cunhas contas en “números vermellos” marcadas polo incremento de investimentos para construír unha macroplanta e ampliar as súas instalacións, con máis de 500 millóns de euros en dez anos.   

Entre outros, asistiron ao encontro o vicepresidente da Fegamp e alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e a rexedora de Barreiros e membro da comisión executiva da federación , Ana Belén Hermida. Ámbolos dous coincidiron en denunciar o impacto que o “sablazo” de Sogama vai ter nas contas municipais a metade do ano -con ese incremento do 30%- malia que a Xunta, que é o socio maioritario na sociedade, xa sabía da subida con anterioridade.

“Dende finais do ano pasado a Xunta sabía o que ía recadar polo imposto de residuos, pero até despois das eleccións non anunciou a subida do canon aos concellos, que nos colle a metade do exercicio económico, o que altera todas as contas municipais”, criticou García, advertindo ademais que se trata dunha “subida do 30 % camuflada pola Xunta, que di que nos vai ingresar unha cantidade por habitante que xa está no fondo de cooperación local”. A Xunta, engadiu, prevé recadar 12 millóns, pero aos concellos vaille transferir 9.

Secundino García reclamou tamén á Xunta que abra un proceso de dialogo co municipalismo porque, recalcou, “non podemos trasladarlle á cidadanía o incremento no recibo”. Lembrou, así mesmo, que os convenios de adhesión a Sogama establecíanse incrementos anuais conforme ao IPC, e non do 30 % como o actual, a mediados de ano.

Na mesma liña,  Ana Belén Hermida destacou a “oposición frontal” do municipalismo á subida unilateral e sen diálogo do canon de Sogama e criticou que “a mesma Xunta que presume de baixar os impostos faillos subir aos concellos, que somos a administración máis próxima e que máis servizos prestamos”. “O que lle pedimos á Xunta é que abra un proceso de diálogo e poña por diante os interese xerais dos concellos, que non son outros que os das veciñas e os veciños”, manifestou.

A proposta de diálogo do BNG, tal e como explicou Luís Bará, inclúe tamén un acordo de País para avanzar cara un novo modelo na xestión dos residuos que deixe atrás  “sistemas finalistas” como a incineración e o depósito en vertedoiro -Sogama procesa así o 80 % dos residuos-. A aposta do Bloque pasa por outras alternativas “máis avanzadas” que supoñen que o 50 % dos residuos, a materia orgánica, teña un tratamento de proximidade destinado fundamentalmente á compostaxe, o que redundaría nunha mellor xestión de outras fraccións de residuos, expuxo Bará, quen recoñeceu que “isto non pode ser dun día para outro”  senón que ten que haber un camiño transitorio no convivan diferentes alternativas de tratamento do lixo.

Bará e os alcaldes do BNG subliñaron, neste sentido, que xa está demostrado que Sogama é un modelo fracasado, “insostible tanto dende o punto de vista medioambiental como económico”,  pois se trata dunha empresa semipública -con participación de Naturgy- cuxa viabilidade “depende do número de toneladas de residuos que se envíen á planta de Cerceda, polas que pagan os concellos e que se cobran aos veciños, e do prezo da electricidade, de maneira que canto máis cara está a luz máis son os beneficios de Sogama”,  explicou Secundino García

De aí a subida “inxustificada” do canon, agregou o vicepresidente da Fegamp, empranzado a Xunta e Sogama a buscar formulas para que “o resultado da empresa semipública non dependa de cuestións que despois hai que trasladar á cidadanía”.