BNG esíxelle a Rueda que dea a cara no Parlamento e deixe de tapar os seus “chanchullos” e os de Feijóo

Luís Bará

Luís Bará anuncia unha ofensiva do BNG para que o PP dea explicacións sobre o cúmulo de irregularidades que rodean as contratacións da Xunta

Acusa o presidente da Xunta de aplicar a lei do silencio e da ocultación e insiste na petición dunha auditoría independente dos contratos con Eulen

O viceportavoz segundo do BNG, Luís Bará, esixiulle este luns ao presidente da Xunta que “dea a cara no Parlamento e deixe de tapar os seus “chanchullos” e os de Alberto Núñez Feijoo e anunciou unha “ofensiva” do BNG no Parlamento para que o PP dea explicacións sobre o cúmulo de irregularidades que rodean as contratacións da Xunta.

O deputado nacionalista volveu insistir na petición dunha auditoría independente dos contratos coa empresa Eulen, “claramente favorecido nos últimos 15 anos pero sobre todo nos últimos da etapa de Alfonso Rueda, onde se incrementou o ritmo e a contía das contratacións con esta empresa”, afirmou.

“Vemos que Rueda aplica a lei do silencio e da ocultación, está tapando claramente as irregularidades da etapa de Feijóo e tamén as irregularidades e chanchulos da súa propia etapa como presidente”, en referencia ás contratacións millonarias por máis de 90 millóns de euros cun pequeno grupo de “empresas amigas e con vínculos familiares coa cúpula do Partido Popular”, criticou.

“Se non hai nada que ocultar, que problema hai para non enviar información ao Parlamento e comparecer en sede parlamentaria?, preguntou.

É por iso que anunciou que a petición de explicacións a Rueda sobre estas irregularidades nas contratacións será unha das liñas centrais de traballo no BNG nos próximos días e no vindeiro pleno do parlamento, que terá lugar na segunda semana de setembro. Hai que lembrar que o PP vén de vetar no mes de agosto a comparecencia do presidente da Xunta de maneira extraordinaria na Deputación Permanente solicitada polo BNG.

Bará anunciou tamén a presentación dunha batería de iniciativas en relación co envío á Cámára de documentación de contratos que “a Xunta oculta a este parlamento e que xa foron solicitada en reiteradas ocasións e que “Rueda está vetando”, acusou.

O viceportavoz segundo referiuse a contratos de emerxencia relacionados coa Pandemia nos anos 2020 e 2021, adxudicados “a dedo” a empresa Universal Support, relacionada co entorno de Alberto Núñez Feijoo, xa que o director comercial para Galiza no momento da adxudicación dos contratos era Ignacio Cárdenas, irmán de Eva Cárdenas, compañeira do expresidente da Xunta. Segundo o deputado, esta empresa “foi beneficiaria de contratos por valor de 19,2 millóns de euros entre maior de 2020 e outubro de 2021”. Só nas facturas por rastrexadores, a Xunta pagou 10,9 millóns de euros, adxudicados “de maneira consecutiva e a dedo” e “do que nunca se soubo nada”, recriminou.

Bará fixo tamén mención aos contratos da Xunta entre maio e outubro de 2020 coa empresa Sibucu 360, por valor de 2,3 millóns de euros. Unha empresa sen relación co sector sanitario e vinculada a o ex CEO de Blussens, José Ramón García, que, segundo subliñou, deu “auténticos pelotazos ao pasar de facturar 750.000 euros coa Xunta de Galiza e con outras administracións a facturar máis de 30 millóns de euros” a raíz da pandemia.

Por último, Bará sinalou os 12 contratos asinados coa Xunta do PP por valor de 10,4 millóns de euros entre abril e xullo de 2020 con Mape Asesores, empresa coa que mediou Alberto González, compañeiro da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel, Díaz Ayuso.

Todos estres contratos foron requiridos polo BNG para seren consultalos persoalmente e “os responsables da Xunta de Galiza non nolo permitiron”, asegurou o deputado, polo que insistiu en volver pedir dita documentación.

O BNG volverá insistir na documentación sobre EULEN

Luís Bará volveu insistir na petición da documentación dos contratos co grupo Eulen, empresa cuxa principal responsable é a irmá de Alberto Núñez Feijóo, e que -denuncia- “foi beneficiaria de contratos coa Xunta con arredor de 57 millóns de euros desde o ano 2009, e de 17 millóns durante a presidencia de Rueda”.

Neste punto, Bará quixo chamar a atención sobre os 1.311 contratos menores “a dedo”, asinados pola Xunta do PP nos últimos 5 anos por valor de 4,8 millóns de euros “con absoluta opacidade e de maneira dixital”, o último deles firmado “pola irmá do señor Feijóo antes de cesar por un servizo de seguridade nos centros hospitalarios do Barbanza e de Santiago por 4 millóns de euros”, apuntou.

“Todo isto precisa unha explicación. o BNG intentouno por activa e por pasiva por todos os medios posibles, pedimos unha auditoría, pedimos documentación, pedimos unha comisión de investigación dos contratos da COVD, e tamén que o Consello de Contas investigase estes contratos coa empresa Eulen , e atopámonos co veto do Partido Popular a calquera destas iniciativas”, recriminou.

O “escandaloso” sobrecusto do Álvaro Cunqueiro

Bará tamén anunciou nesa ofensiva do BNG cara ao novo curso político a petición de explicacións e responsabilidades por parte da Xunta do PP, logo do informe do Consello de Contas sobre o hospital Álvaro Cunqueiro e que fala dun sobrecusto de 470 millóns de euros, e que cualificou como “absolutamente escandaloso”.

“O BNG volverá pedir explicacións en sede parlamentaria por parte do presidente da Xunta como xa pedimos no pasado mes de agosto”, rematou.