BNG esíxelle a Rueda que “colla o volante” e non deixe só ao pobo galego fronte a crise ambiental máis grave en vinte anos
A deputada do BNG Rosana Pérez emprazou o Goberno da Xunta a, dunha vez, “poñerse á fronte da crise” provocada pola marea plástica que afecta ás costas galegas e lamentou que o presidente Alfonso Rueda siga “agochado” e sen tomar as decisións que a xente do País se merece na xestión da “crise ambiental máis grave dos últimos vinte anos no mar e na costa de Galiza”.
Rosana Pérez interveu na reunión da Deputación do Parlamento galego para solicitar no nome do BNG a comparecencia urxente do presidente da Xunta porque os galegos e as galegas, dixo, precisan saber se a Xunta “vai actuar, cando vai actuar e se (os conselleiros do PP) están para atender as necesidades da xente ou seguen ao ditado que do que lles di Feijóo que hai que dicir” nunha crise na que o papel do Goberno do PP semella ao desenvolto durante a crise do Prestige porque está marcado polas “mentiras”, a “manipulación” e as “contradicións continuas”.
“Póñase á fronte desta crise porque os concellos sós non poden con ela, e dígalle á xente que vai facer, se mais unha vez vai deixar todo nas mans do pobo ou vai actuar como presidente, que para iso o puxo aí o señor Feijóo”, emprazou a Alfonso Rueda a deputada do BNG, instándolle así a "coller o volante"
Rosana Pérez lamentou o voto en contra do PP a comparecencia do “presidente ausente” para explicar, entre outras cuestións, a chea de “inexactitudes, mentiras e barbaridades” que levan dito os responsábeis da Xunta dende que “estopou” a crise, ou por que a día de hoxe os concellos “seguen abandonados á súa sorte, sen medios de limpeza e sen nin sequera saber que teñen que facer exactamente cos residuos que están a recoller”.
Esixiu ademais explicacións da demora na reacción do Goberno do PP que, dixo, “permaneceu 23 días desaparecido”, pois dende o día 13 tivo coñecemento da chegada de sacos de gránulos ás praias galegas mais non foi até o 4 de xaneiro cando se puxo en contacto “só con algúns” dos concellos directamente afectados.
“O Goberno galego non é responsábel de que haxa unha marea plástica nas costas galegas pero si é absolutamente responsable da xestión desa catástrofe”, sostivo durante a súa intervención, na que insistiu na falta de medios para a limpeza das praias, cuestionando que “200 efectivos máis cen que a Xunta di que ten nas praias” sexan suficientes para a limpeza nun país de máis de 1.500 quilómetros de costa. “Dende o 4 ata o 8 de xaneiro só levaron ás praias brigadas guadiana, que aparecían cando aparecían as cámaras da TVG e desaparecían inmediatamente despois de retirarse esas cámaras”, criticou no mesmo sentido.
Diante do voto en contra do PP á súa iniciativa, o BNG “conformouse” con que sexa a vicepresidenta segunda da Xunta, Ángeles Vázquez, tal e como propuxeron os populares, quen actúe como “portavoz oficial da inacción dun goberno totalmente ausente” e sexa ela quen acuda ao Parlamento a dar as explicacións sobre a xestión deste desastre medioambiental, unha xestión que, censurou Rosana Pérez, está chea de “contradicións” porque está tamén chea de “mentiras”.
É por iso que reclamou tamén explicacións sobre a tardanza da Xunta en activar o nivel dous de alerta, de por que primeiro di nunha carta aos concellos que non resulta posíbel a retirada dos pellets do mar e logo Rueda considera “imprescindible” que se faga, por que a conselleira de Medio Ambiente considerou que “non precisamos medios nin axudas do Estado para retirar os residuos plásticas” só catro horas despois de que o propio presidente da Xunta mantivese que “é imperativo legal que o Goberno de España se implique agora”.
Todas contradicións, agregou, que se suman á falta de transparencia, como se demostra no feito de que a Xunta aínda non trasladase aos grupos na Cámara o informe, contratado a unha empresa privada, que serviu á conselleira para asegurar que os pellets non son tóxicos nin perigosos.
“O auténtico perigo para o sector do mar son vostedes”
Rosana Pérez aproveitou a súa intervención na Deputación Permanente para, máis unha vez, deixar claro o apoio do BNG ao sector do mar e á súa xente que, declarou, “non é tonta e sabe perfectamente” que “o auténtico perigo son vostedes”. Subliñou, neste sentido, que “miles de mariscadores galegos seguen sen cobrar un peso dende outubro” porque o Executivo de Rueda non quere darlles axudas que reclamou o BNG para paliar a falta de ingresos pola alta mortaldade do marisco e a baixa produtividade das rías galegas. Un goberno que, salientou tamén, permite que “empresas amigas” vertan residuos nas rías “sen que pase nada” ou un goberno que, malia telo anunciado “500 veces ao día”, non chegou a presentar recurso contra veto de zonas ás artes de fondo.
Rueda tampouco dará explicacións polo colapso sanitario
O BNG reclamou hoxe tamén na reunión da Deputación Permanente a comparecencia de Alfonso Rueda, para dar explicacións pola saturación que se leva vivindo desde finais do ano pasado no sistema sanitario galego e moi especialmente nas urxencias hospitalarias. Diante do previsible aumento de enfermidades respiratorias, “non fixeron nada para garantir a accesibilidade na atención primaria, non reforzaron os profesionais nos centros de saúde nin tampouco nos PACs”, censurou a deputada Olalla Rodil.
“Queremos que o máximo representante, de momento, do Goberno galego en vez de andar de turné electoral, primeiro, e agora agochado a ver se as bolas de plástico non lle salpican, baixe un día polo menos do autobús electoral e dea explicacións no Parlamento polo que está acontecendo na sanidade pública deste País”, afirmou a deputada nacionalista, que lamentou o voto en contra do PP a pesar da situación que se está a vivir en numerosos centros de saúde e servizos de urxencias. “non pode ser que vexamos imaxes como as que vimos das urxencias do CHUS con corredores ateigados de xente e que aquí ninguén dea explicacións de nada”, criticou.