BNG esixe á Xunta solucións urxentes ante a grave situación sanitaria no Salnés pola falta de profesionais e peche de centros
A deputada Montserrat Prado urxe a reapertura dos consultorios de Vilaxoán, en Vilagarcía, e Paradela, en Meis, que levan dous anos pechados
Reclama a reposición da atención pediátrica en Ribadumia e a Illa, onde 1.400 nenas e nenos só dispoñen de pediatra un día a semana e en Cambados
“Na comarca do Salnés non hai nin un centro de saúde que funcione con normalidade, ningún que teña o número de profesionais precisos para atender as necesidades da veciñanza; hai centros con situacións desesperadas, con faltas de persoal permanente e sen marxe de tempo para prestar asistencia”. Así o denunciou no Parlamento galego a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, nunha pregunta ante a comisión sectorial da Cámara, na que esixiu á Xunta medidas urxentes para paliar a situación dunha comarca, “insistentemente maltratada polas políticas sanitarias do PP”.
Prado ofreceu datos reveladores do que está a acontecer no Salnés, advertindo dos recortes de profesionais e servizos. Así, explicou que no centro de saúde do Grove traballan infinidade de días un ou dous médicos dos sete que tiña que ter, mentres que no de Cambados o Sergas ten sen cubrir dúas prazas, con moitas xornadas só con dous facultativxs facendo o labor de nove ou, o en Vilagarcía, que durante semanas dispón de catro médicxs sobre 14.
De igual xeito, recordou que, aproveitando a pandemia, o Goberno do PP eliminou a atención pediátrica nos centros de saúde da Illa de Arousa, Ribadumia, Meis e Meaño e pechou os consultorios de Paradela (en Meis) e o de Vilaxoán (en Vilagarcía). Segundo recalcou, no caso da pediatría, as crianzas destes concellos pasaron de ter atención todos os día nos seus respectivos centros de saúde a ter que desprazarse para recibila, no caso dxs da Illa e Ribadumia, ata Cambados, e no caso de Meis e Meaño, ata Portonovo. “Un total de 2.564 nenos e nenas obrigados a desprazarse quilómetros para ter asistencia pediátrica”, censurou.
Nesta liña, alertou de que xs 1.379 pequenxs que viven na Illa e Ribadumia teñen que acudir ao centro de saúde de Cambados “onde só hai habilitada axenda para atendelos unha tarde á semana”, o que cualificou de “inaceptábel”, e subliñou que a situación non é moito mellor en Cambados, onde dende hai meses só conta con dous pediatras e, “a día de hoxe” cun só profesional para atender axs 1.731 cativxs do concello e axs moitxs doutros municipios que teñen asignada nesta vila a atención pediátrica.
“Unha cita solicitada onte en Vilagarcía para o seguimento dun neno, obtivo cita para o 21 de marzo, dentro de dous meses”, seguiu exemplificando para evidenciar a situación de deterioro na que se atopa o sistema sanitario da comarca e reclamar a reposición do servizo de pediatría nos centros de saúde da Illa e Ribadumia, a substitución dxs pediatras ausentes en Cambados e garantías de que a reposición dun pediatra compartido para Meaño e Meis sexa definitiva e non un novo parche.
A deputada nacionalista tamén reclamou a reapertura dos consultorios de Paradela e Vilaxoán que a día de hoxe seguen pechados cando a xustificación que o Sergas facilitara no seu momento para tomar esta decisión fora a da imposibilidade de establecer circuítos diferenciados para doentes con patoloxías habituais e respiratorias. “Tiveron máis de dous anos para facelo”, recriminou, para a continuación lembrar que as 1.100 persoas adscritas ao consultorio de Paradela e as 1.700 ao de Vilaxoán continúan tendo que desprazarse a outros centros, cando moitas delas son, ademais, persoas maiores que ademais non contan con servizo de transporte público.
“A pandemia xa non vale para tapar a falta de compromiso do PP coa sanidade pública, xa non vale para tapar a falta de planificación e anticipación”, recriminou logo de recalcar que a Xunta xa coñecía o número de xubilacións que se ía producir e que os profesionais “teñen dereito a baixas, vacacións e días libres”.
Para a portavoz nacionalista de Sanidade, o Executivo de Núñez Feixóo “pretende que aceptemos como normal a falta de atención e os días de espera para ter unha cita” e incidiu en que, ao final, “queren converter en normal que para recibir asistencia haxa que ir coa tarxeta bancaria nos dentes”. Por iso, rematou a súa intervención reclamando á Xunta que se deixe de escusas e que “poña solucións” á situación de deterioro continuado na que está inmersa a Atención Primaria do Salnés.