O BNG esixe á Xunta “unha solución integral” ás persoas beneficiadas do bono social eléctrico afectadas polos incumprimentos das eléctricas
Fernández denunciou a situación de numerosas persoas beneficiadas co bono social eléctrico da Xunta que, pola demora no envío das facturas ás persoas aboadas e ao Goberno Galego, están a sufrir un “incumprimento empresarial que causa un prexuízo ás persoas vulnerábeis severas en risco de exclusión social”
A proposición do BNG recolle, ademais, sancións ás empresas eléctricas polo incumprimento á hora de remitir as correspondentes facturas
O BNG demandou ao Goberno do PP no Parlamento tomar medidas para fiscalizar a execución das Axudas urxentes de tipo social (AUXS), o chamado “bono social eléctrico” da Xunta.
O portavoz de Industria, Ramón Fernández, denunciou a situación de numerosas persoas en situación socioeconómica vulnerable “que están tendo numerosos problemas por causa precisamente do incumprimento das empresas eléctricas”, que non remitiron nos meses correspondentes as facturas da electricidade “non só ás persoas, aos seus clientes, senón que tampouco as enviaron á Xunta de Galiza para o seu aboamento”, recriminou, polo que se lles está reclamando ás persoas unha débeda que é responsabilidade da Xunta.
Esta infracción, xa alertada polo BNG na Cámara no seu día, argumentou Fernández, provoca graves consecuencias para os e as beneficiarias dos apoios, “debido a que a orde establece que a Xunta apenas pode pagar as facturas emitidas antes do 30 de novembro do ano en curso da axuda” polo que estas facturas “ou ben quedaron sen pagar, ou ben pagáronse con cargo ao crédito da axuda do ano 2022”, detallou.
Consecuencia “desta mala xestión” e falta de fiscalización por parte da Xunta ás empresas eléctricas responsables dos atrasos, recriminou o parlamentario do Bloque, hai moitas persoas solicitantes do ano 2021 con “varias facturas pendentes de pago este ano, ou case todas” sen ter rematado o crédito concedido pola Xunta e cumprindo todos os requisitos estipulados na convocatoria. Estas persoas en situación de risco están a padecer, criticou “un prexuízo absolutamente gratuíto, alleo ao seu comportamento, e cuxa reparación non deberían ter que asumir en solitario”.
“O problema máis habitual e máis grave”, detallou o portavoz de Industria, “é que as empresas comercializadoras están a reclamarlles esas cantidades debidas, ben directamente ou a través de outras empresas das que se descoñece se fan simplesmente a xestión do cobro ou se adquiriron de algún xeito a titularidade da débeda”, denunciou. Unhas reclamacións que as empresas eléctricas están a facer a persoas en situación especialmente vulnerable, xa que perciben entre 5.084 e 6.780 euros ao ano de renda e en situación de asistencia polos servizos sociais, “sen dúbida persoas consumidoras vulnerábeis severas en risco de exclusión social”, incidiu. Unha situación grave, en definitiva, onde a resposta do Goberno do PP, recriminou Fernández, é “que presenten unha reclamación a título particular” no Instituto Galego de Consumo.
Fronte a esta actitude o deputado do BNG reclamou “unha resposta integral” mediante unha iniciativa para fiscalizar a execución das Axudas urxentes de tipo social (AUXS) e evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social no 2021 e 2022, subrogándose na posición das persoas beneficiarias polo total das cantidades ás que tiveran direito a percibir en concepto de axuda, realizar as liquidacións das facturas con cargo aos diferentes exercicios, e actuar contra as empresas comercializadoras polos seus incumprimentos e abusos. Proposta que se atopou coa negativa dos Populares no Parlamento. “Se as axudas da Xunta están deseñadas para actuar e pagar as facturas directamente ás empresas en nome das persoas beneficiarias, non é lóxico que agora que hai un problema a Xunta se quite do medio”, concluíu Fernández.