BNG esixe á Xunta que tome medidas ante o aumento das agresións LGBTfóbicas e cumpra a lei de igualdade do colectivo
BNG esixiu á Xunta no Parlamento galego que tome medidas ante o incremento das agresións LGBTfóbicas que se está a rexistrar en Galiza e que dea cumprimento á lei galega pola igualdade de trato e contra a discriminación das persoas LGBT que, segundo a deputada nacionalista Iria Carreira, “aínda que pioneira no seu día, é unha lei de mínimos que, oito anos despois da súa aprobación, nin se están a esforzar en cumprir”.
Carreira recordou nunha pregunta parlamentaria que os delitos de odio en Galiza rexistrados entre 2013 e 2020 superaron os 400, dos que 130 corresponden a ataques por orientación sexual e identidade de xénero e, neste sentido, fixo un rápido repaso á hemeroteca apuntando só entre o 1 de xuño de 2021 e este pasado 11 de maio un total de 16 casos de LGBTfobia. “Pintadas, insultos, intimidacións, golpes, empurróns dende unha altura de 12 metros, malleiras, un rapaz que mataron a golpes e das últimas cousas que escoitou foi como lle chamaban maricón”, enumerou, para advertir tamén a continuación que, por diferentes causas, non todas as agresións son denunciadas.
Logo de lembrar que onte, 17 de maio, ademais de se celebrar o Día das Letras, tamén se conmemoraba o Día contra a LGBTfobia porque hai 32 anos que foi retirada a cualificación de trastorno psiquiátrico para as persoas cunha sexualidade diferente á heteronorma, a portavoz parlamentaria de Dereitos LGBT indicou que non foi ata 2018 cando a OMS retirou a transexualidade da súa clasificación internacional de trastornos.
Pese a estes importantes fitos, Carreira subliñou que “a día de hoxe, podemos ver como no Servizo Galego de Saúde persisten protocolos e guías de actuación nas que a orientación sexual ou a identidade de xénero son consideradas como factor de risco, por exemplo, para padecer o VIH ou unha infección de transmisión sexual, sabendo que os criterios científicos para a transmisión non dependen de quen é cada quen, senón do que fai, e sobre todo, se o fai dun xeito seguro ou non”. “E todo isto, pese a ter aprobada nesta Cámara unha proposición non de lei para revisar todos os protocolos do Sergas que mantivesen consideracións que son claramente LGBTfóbicas”, recalcou.
Neste contexto, a deputada do Bloque considerou urxente, por unha banda, que o Goberno galego tome medidas ante o aumento das agresións LGBTfóbicas e que se persone nos procedementos xudiciais, de carácter penal, incoados pola comisión de feitos presuntamente constitutivos dun delito de odio; e, por outra, que desenvolva plans de acción específicos no ámbito educativo, onde considerou que a educación afectivo-sexual que se está a desenvolver na actualidade é “bastante precaria”.
“A situación na que se atopan as persoas LGBT no noso País é verdadeiramente preocupante e as agresións están moi lonxe de seren erradicadas; mentres, o Goberno galego parece que está máis ocupado de calquera outra tarefa, incluída a sucesión do seu líder, que de asegurar unha sociedade libre de violencias”, concluíu.