BNG esixe á Xunta que reabra de inmediato todos os consultorios médicos pechados dende o inicio da pandemia
O BNG esixiu á Xunta no Parlamento galego que reabra de inmediato os consultorios pechados dende o inicio da pandemia e que a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, exemplificou en 14 ao longo de todo o País.
Así, Prado advertiu que, a día de hoxe, continúan pechados os consultorios de Paradela (en Meis), na comarca do Salnés; Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa; Parga (en Guitiriz), Baamonde (en Begonte) e Castro de Rei, na comarca de Lugo; Hío (en Cangas) e Santa Cristina de Cobres (en Vilaboa), na comarca do Morrazo; Taragoña (en Rianxo) e Cabo de Cruz (en Boiro), na comarca do Barbanza; Romariz (en Soutomaior), na comarca de Pontevedra; Goián (en Tomiño) e Tabagón (en Tomiño, no Rosal), na comarca do Baixo Miño, e os de Filgueira (en Crecente) e Valeixe (situado na Cañiza e que segue sen médico), no Condado.
Unha situación que, segundo recalcou a deputada do Bloque nunha pregunta parlamentaria, “ademais de non ter ningunha xustificación máis que o recorte sanitario”, estalle a causar prexuízos económicos e de mobilidade a miles de galegos e galegas afectadas polos recortes da Xunta do PP na sanidade pública e, nomeadamente, na Atención Primaria.
“Persoas obrigadas a desprazarse a outros consultorios cando unha parte moi importante delas superan os 60 anos, adoitan non conducir e carecen de transporte público polo que se vén obrigadas a depender doutras persoas ou a pagar taxis cando en Galiza temos, grazas ás magníficas políticas do PP, as pensións máis baixas do Estado”, reprobou, para advertir a continuación que a redución na accesibilidade e a proximidade na Atención Primaria “está deixando fóra a moitas persoas e as grandes damnificadas son as máis vulnerábeis”, entre as que apuntou ás persoas maiores, ás enfermas crónicas, ás que teñen problemas de mobilidade, menos medios ou carecen de acceso ás novas tecnoloxías.
Nesta liña, recriminou ao director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, que na súa resposta atenuara o impacto destes peches cando, por unha banda, obriga a desprazamentos das e dos doentes ao consultorio máis próximo de ata 15 km, como acontece no caso de Castro de Rei, e cando “non son consultorios residuais”, senón que prestan atención sanitaria a poboacións que superan as 1.000 persoas, nos casos dos de Paradela, Vilaxoán ou Tabagón; as 2.000, no caso do de Goián; ou as 3.000, no caso do de Cabo de Cruz, por citar algúns exemplos.
A xuízo da portavoz nacionalista de Sanidade, unha medida que foi tomada de xeito excepcional, segundo alegou no seu momento o Sergas, co obxectivo de articular medidas preventivas para evitar o contaxio da COVID19 nos centros de saúde, está sendo aproveitada polo Executivo do PP para consolidar a súa estratexia e proceder ao peche definitivo de consultorios. “O PP está aproveitando a pandemia para seguir recortando servizos, centralizar a atención sanitaria e deixar esmorecer a Atención Primaria porque non xera negocio e diso é do que se trata: de que a saúde das e dos galegos sexa negocio”, concluíu.